Campaña para aproveitar a materia orgánica local en Allariz

IMG-20210915-WA0021
photo_camera Aldara Conde xunto a María Amigo, técnica de Adega.
Técnicas de Adega iniciaron unha rolda de visitas porta a porta na vila

Técnicas da asociación ecoloxista Adega iniciaron esta semana unha campaña especial en Allariz para concienciar sobre a importancia da separación dos residuos e do reaproveitamento da materia orgánica. Consistirá na realización de visitas porta por porta informando sobre a situación dos composteiros comunitarios e de como se debe separar o lixo do fogar. Do mesmo xeito, as técnicas farán o seguimento dos mais de 150 compostadores xa entregados dentro da campaña do 2021.  

O Concello de Allariz e a asociación ecoloxista contan neste proxecto coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia,  estando as actuacións cofinanciadas nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo a inversión subvencionable de 41.471,50 euros. 

Por último, por medio deste proxecto entregaranse un total de 200 composteiros de uso individual de entre 450 e 850 litros para a recuperación da materia orgánica producida nos fogares que dispoñan de finca -a campaña está especialmente dirixida aos núcleos rurais do municipio-. 

O obxectivo a longo prazo pasa por incrementar as áreas de compostaxe comunitaria e mellorar as zonas de acumulación de biomasa. Preténdese acadar neste ano a cifra do 50 por cento na separación e reciclaxe dos residuos xerados en Allariz. Para esta finalidade estase a realizar un estudo que xa permitiu establecer cales eran as áreas con maior uso, así como ampliar o despregue de colectores de reciclaxe de vidro, envases e papel cartón, dentro do municipio. O compost resultante está a ser empregado por veciños e produtores de horta e gandería locais.

Te puede interesar