Comeza unha campaña para a captura do visón en Allariz

Campaña de captura de visóns.
photo_camera Campaña de captura de visóns.
A Reserva da Biosfera tomou esta decisión para reducir a presenza do visón en Allariz

A Reserva da Biosfera Área de Allariz vén de poñer en marcha unha campaña de captura do visón americano co fin de reducir a presenza desta especie no espazo protexido. Esta é unha campaña financiada con fondos Next Generation. 

“Despois dunha primeira fase que consistiu na valoración da presenza da especie na área protexida en base a detección de excrementos e outros indicios, a campaña céntrase agora na captura de exemplares”, explican dende a Reserva. Para iso, instaláronse varias plataformas de trampas flotantes que “é o método máis efectivo para a detección e captura do visón americano”, engaden. 

Segundo sinalan os expertos, esta é unha das mellores épocas do ano para o trampeo, pois coincide coa dispersión de xuvenís e coa época do celo. Na fase de trampeo, instálase unha gaiola no interior do túnel. “Unha das vantaxes deste método é que non se emprega cebo, polo que se trata dunha metodoloxía moi selectiva para a captura de visóns americanos antes que calquera outro carnívoro autóctono”, explican en Allariz, os que remarcan que se respectará “en todo o proceso o benestar animal e os exemplares capturados trasladaranse ao Centro de Recuperación e Fauna do Rodicio”.

O visón amaricano

O visón americano é unha especie que está considerada como exótica invasora debido á súa gran capacidade de propagación. “A súa presenza pode causar problemas non só sobre as poboacións das especies que se alimenta, senón que tamén sobre outras especies de carnívoros debido a fenómenos de competencia ou por contaxio de enfermidades”, conclúen na Reserva.

Te puede interesar