O Concello de Allariz busca reformular a súa oferta museística

Interior das instalacións onde se prevé a creación do Centro de Interpretación Medieval.
photo_camera Interior das instalacións onde se prevé a creación do Centro de Interpretación Medieval.
Allariz solicita fondos europeos para a sede do seu futuro Centro de Interpretación Medieval

O Concello de Allariz presentou un proxecto para a remodelación e posta en valor para uso turístico do edificio do futuro Centro de Interpretación Medieval de Allariz (CIMA) e o seu entorno no monte do Castelo e do edificio do Museo Galego do Xoguete. O proxecto, cun importe de 2.946.072 euros, foi presentado ao Ministerio de Industria Comercio e Turismo dentro do programa de mellora da competitividade da dinamización do patrimonio histórico con uso turístico.

As actuacións están encamiñadas a modernizar, facer máis eficiente e totalmente accesible os edificios para que poidan ser visitados e coñecidos por todos.
No caso do Museo do Xoguete, ubicado no baixo dun edificio de tres plantas da antiga sede do xulgado, as actuacións están encamiñadas á conservación da esencia do edificio, solucionar as deficiencias estruturais, ampliar a superficie de exposición do museo e dotar ao edificio dunha correcta accesibilidade.

No caso da segunda actuación, denominada “Museo aberto do Castelo, Centro de interpretación medieval de Allariz”, a proposta de intervención basearase na rehabilitación de tres inmobles contiguos situados baixo o monte de “O Castelo” como sede para o Centro de Interpretación Medieval de Allariz, e a recuperación e consolidación dun percorrido de sendeiros que se corresponden co trazado orixinal dos aneis defensivos do castelo hoxe desaparecidos. “A rehabilitación basearase en facer compatible a recuperación e posta en valor das estruturas existentes, sen cambios de volume nin aspecto exterior, coa articulación dun espazo expositivo de funcionamento claro e que permita dotar ao museo de contidos de calidade que poidan ir actualizándose”, trasladaban os técnicos municipais. 

Te puede interesar