Concello e Cáritas recollerán alimentos entre os alaricanos

Os sacerdotes aproveitaron para animar aos veciños a visitar o decorado de Nadal da parroquia

O Concello de Allariz colaborará con Cáritas desta localidade na recollida solidaria de alimentos para este Nadal. A campaña, que xa se está levando a cabo nos diferentes supermercados da vila por medio da doazón de alimentos e produtos básicos, verase reforzada dende o Consistorio local que sustituirá o cobro monetario das entradas aos espectáculos de Nadal, pola recepción de alimentos non perecedoiros. 

Os responsables da parroquia, Adrián Rodríguez Iglesias e Fran López Gómez, destacaron a importancia de “colaborar en Nadal e no resto do ano”. Ademais, falaron do papel vital que ten o Banco de Alimentos “para todas esas familias que precisan de axuda” e sinalaron que a recollida nesta época aportará reservas para gran parte do vindeiro ano.

Cristina Cid, pola súa banda, resaltou o valor da colaboración cidadá nestas iniciativas e animou a todas as persoas a que, ben a través dos espectáculos e eventos organizados dende o Concello, ou ben nos puntos de recollida, aporten o seu grao de area.  

Necesidade

Dende Cáritas Allariz aproveitaron a oportunidade para facer un chamamento a toda a poboación para colaborar. Neste senso, os alimentos que nestes momentos máis necesitan son aceite, arroz, conservas ou alimentos para os máis pequenos “aínda que calquera achega sempre é benvida”, matizaron. 

Adrián e Fran resaltaron o gran labor que realizan “todas esas persoas voluntarias que traballan todo o ano para que o banco de alimentos de Allariz funcione” e agradeceron a iniciativa do Concello de Allariz con esa colaboración. 

Tamén se animou á poboación da vila a visitar o decorado de Nadal da parroquia alaricana.

Te puede interesar