Día Internacional dos Museos con un taller para os nenos alaricanos

As solicitudes de información e as inscricións terán que formalizarse antes do vindeiro día 14 de maio

Co obxectivo de celebrar o Día Internacional dos Museos, que se conmemorará o vindeiro martes, día 18 de maio, o departamento de Cultura de Allariz organizará unha actividade artesanal para os máis cativos nun dos tres museos municipais: o Museo do Coiro Fábrica de Curtidos. 

Así, os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos que queiran participar aprenderán a elaborar un monedeiro durante a xornada de conmemoración. 

Os participantes estarán divididos en dous grupos: o primeiro desenvolverá esta actividade entre as 12,00 horas e as 13,30 horas e, o segundo, o fará entre as 17,00 horas e as 18,30 horas. 

Tal e como informaron dende o Concello de Allariz, as inscricións, así como a solicitude da información máis precisa, terán que realizarse nas instalacións da Casa da Cultura de Allariz ata o día 14 de maio. Tamén se poderá contactar no 988 440 859 ou enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Te puede interesar