A Fundación Vicente Risco afonda nos cines da Habana

Por outra banda, na década dos 90, o “Período Especial” conduciu ao “peche masivo de salas”, recordan dende a Fundación. “Na actualidade só preto de 30 cinemas sobreviven en pésimas condicións”, lamentan.

A Fundación Vicente Risco inaugurará este venres, día 20 de agosto, unha mostra de fotografías que se poderá visitar ata o vindeiro mes de outubro -concretamente, ata o día 24 dese mes- na súa sede da vila de Allariz, ubicada no número 3 da rúa San Lourenzo no casco histórico. Trátase de “Exit. Atlas dos cines habaneiros” e a súa autora é Carmen Riveiro. 

Tal e como recordan dende a Fundación, nos anos cincuenta na Habana había máis de 132 salas de cinema. Sen embargo, no periodo da Revolución, en 1959,  iniciouse “un paulatino cesamento de proxeccións”. Esta circunstancia, segundo apuntaron  dende a organización da mostra, fixo que moitas películas fosen “confiscadas” e que outras tantas produtoras daquel entón decidisen abandonar a illa de Cuba. 

Por outra banda, na década dos 90, o “Período Especial” conduciu ao “peche masivo de salas”, recordan dende a Fundación. “Na actualidade só preto de 30 cinemas sobreviven en pésimas condicións”, lamentan.

HISTORIA E MEMORIA

Esta exposición, que se prolongará ata o outono, nace, segundo subliñan, “da necesidade persoal de crear unha imaxinería capaz de axudar á concepción dunha conciencia que reflexione os conceptos de historia e memoria”. 

A mostra fotográfica, coa que colabora ademáis do Concello de Allariz e a propia Fundación Vicente Risco, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 2021-2022, darase a coñecer pasado mañá na vila a partir das 20,00 horas da tarde.

Te puede interesar