Entrevista

“Imos facer cultura pouco a pouco, non será un verán en branco en Allariz"

2020051923324334075
photo_camera Juan Seara.
Juan Seara, técnico de Cultura no Concello de Allariz, participou no ciclo "Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19"

"Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19" é o nome do ciclo posto en marcha neste mes de maio polo Consello da Cultura Galega para analizar a cultura. A primeira sesión, centrada no estado inicial da política municipal, contou coa participación do alaricano Juan Seara.

Como resumiría a súa participación no ciclo?

Moi positiva porque permite coñecer experiencias e visións doutras persoas que traballan no eido cultural. É moi enriquecedor. A idea é xenial, oxalá se poida prolongar no tempo para poder escoitar outras opinións e propostas.

Que conclusións sacastes os técnicos alí reunidos? 

A idea xeral na que se está traballando é que a cultura non pare, dentro das nosas posibilidades. Isto abre un novo fronte na xestión cultural. Creemos que vai a mudar a programación cultural, algo que xa pedían fai tempo os xestores culturais. 

En que consisten eses cambios?

Trátase dunha cultura máis próxima a poboación, máis social e máis participativa. Fuxir das masificacións, non programar cultura para as masas, senón algo máis social, para o pobo, para que os cidadáns participen máis da actividade. Eu engadiría separar a xestión cultural do turismo e da xestión patrimonial. As ideas están aí e están xurdindo actividades que están funcionando nas redes sociais, como ocorreu en Allariz coa Festa dos Maios onde, a pesar do pouco tempo no que fixemos a convocatoria, contamos con 27 participantes. 

Como afectou a pandemia a área de Cultura?

A pandemia obrigounos a adiar todas as actividades que tiñamos programadas e incluílas cando se poida programar, porque si se pretenden facer todas no cuarto trimestre do ano vai a ser un caos. Temos que ir día a día, improvisando. Ir facendo cultura pouco a pouco.

Como se presenta o verán?

Nós xa estamos repensando todo e pretendemos facer cousiñas. Xa tivemos algunhas reunións e temos moitas ganas de poñelas en práctica. 

E as festas do verán?

A Asociación Xan de Arzúa, da que eu tamén formo parte, xa informou da non celebración da Festa do Boi, aínda que algo faremos de cara o verán. De cara as festas que organiza directamente o Concello, como o San Benito (xullo) e a Empanada (agosto), xa estamos co borrador dunha proposta, porque algo haberá que programar. Este verán non vai a quedar en branco en Allariz. Cando se nos permita facer cousiñas, haberá que mover a actividade cultural porque no PIB de Galicia, a Cultura era un pilar importante.

Te puede interesar