entrevista

José Manuel Lage: "Os médicos rurais eran heroes silenciosos e artesáns do oficio"

O médico José Manuel Lage.
photo_camera O médico José Manuel Lage. (JOSÉ PAZ)

Lage leva anos tratando de crear un espazo para recoñecer o traballo dos médicos rurais. A partir deste venres será realidade coa apertura do Museo do Médico Rural de Maceda 

Cando José Manuel Lage fala dos médicos rurais non o fai dende un punto de vista científico, que tamén, senón dende a máis profunda admiración. Por iso leva anos tratando de adicarlle un espazo que recoñeza todo o ben que fixeron entre a súa comunidade cuns medios certamente limitados pero unha grande vontade de servizo cara ós seus veciños. Este proxecto converterase en realidade este venres, coa apertura do Museo do Médico Rural de Maceda.

Que poderemos ver neste museo?

O médico antigamente estaba aí dende o nacemento ata o falecemento e ás veces percorría camiños inhóspitos para atender un parto, curar a un accidentado, facer unha análise... O museo refírese a esta medicina rural, con máis de 80 pezas, entre elas forceps que se empregaban antes para os partos na casa, aparellos de electrocardiografía, pinzas, instrumental, microscopios... Ten nove salas temáticas, unha consulta médica dos anos 50, sala de electroloxía, unha sala de revelado das radiografías, un laboratorio onde se facían as analíticas, unha sala de esterilización, outra de exploracións con 13 vitrinas nas que se amosa o material que utilizaba un médico rural. Temos tamén un espacio dedicado a Juan Vidal, un farmacéutico de Maceda que despois se trasladou a Ourense e creou o laboratorio X2. Por último, temos tamén unha biblioteca cos libros que empregaban os médicos da época. 

Todo o material é orixinal. Como foi o proceso de recolección de todo este instrumental?

Si. É material donado que fun recompilando ó cabo dos anos a través das consultas de médicos que ían pechando ou a través dos seus familiares. Creo que a partir do venres, cando isto despegue, moita xente vaise animar ó ver o museo e seguramente recibamos máis donacións. De feito, temos unha planta baixa que xa nos queda pequena e case temos xa máis material no almacén que no museo.

Tense referido ós médicos rurais como heroes locais. 

Heroes silenciosos e, sobre todo, uns artesáns do oficio polos poucos medios que tiñan e o resolutivos que eran. Antes non había hospital e medicamentos como a penicilina non chegaron a Galicia ata os anos 60. 

Está todo o recoñecido que debera o papel dos médicos rurais?

Está todo recompilado, os aparellos están estudiados e hai teses doutorais sobre a historia da medicina rural. Contamos con moita colaboración, . É un traballo de anos, pero é unha ilusión miña dende hai anos e agora xa é unha realidade. 

Porque vostede mesmo tamén foi médico rural. 

Exactamente. 40 anos aquí, no meu pobo, en Maceda. Dase a casualidade de que durante un século, tódolos médicos que exerceron aquí en Maceda eran orixinarios do pobo. Por iso quería renderlle homenaxe, porque non só eran heroes e artesáns, senón tamén promotores e dinamizadores da vida social do pobo.

En todo o tempo que exerceu a medicina no entorno rural, como foi evolucionando a relación entre médico e paciente?

Para min a relación co paciente foi sempre o máis importante, sempre o tiven claro. Eu exercín a profesión en medio hospitalario durante seis anos, pero tiña vocación rural e deixei todo para vir aquí. Para min é un orgullo que ó final da miña etapa, o último día foi coma o primeiro. Foi unha satisfacción exercer no meu pobo e para os meus veciños. Fixéronme unha homenaxe, puxéronlle o meu nome a unha rúa... Que maís podo pedir!

Te puede interesar