A Oficina de Turismo de Allariz rexistrou 4.700 visitas en Nadal

VIVE UN NADAL DIFERENTE EN ALLARIZ 2021 (6)
photo_camera Unha das paradas do Nadal alaricano, unha estación de esquí.
Visitantes procedentes de Pontevedra foron os máis habituais na vila durante o Nadal e, no tocante a fóra da comunidade autónoma, turistas de Madrid e Castela e León sentíronse atraídos polo municipio alaricano.

A vila alaricana volve pouco a pouco á normalidade logo da irrupción da pandemia, tamén en materia de turismo e visitantes. Unha das apostas clave neste senso no municipio é o  Nadal e os seus elementos decorativos elaborados con materiais naturais e reciclados que, nos últimos tempos, adquiriron unha gran popularidade. Tamén a programación confeccionada para esas datas, os obradoiros e os espectáculos para o público infantil.

Segundo datos achegados polo propio Consistorio e malia a situación actual, os turistas que se achegaron ata Allariz e pasaron pola Oficina de Información Turística durante o periodo das festas incrementáronse con respecto ao mesmo periodo do ano anterior, pasando de 3.600, en 2020, a 4.700, en 2021, o que significa unha subida do 30,56 por cento. 

Visitantes procedentes de Pontevedra foron os máis habituais na vila durante o Nadal e, no tocante a fóra da comunidade autónoma, turistas de Madrid e Castela e León sentíronse atraídos polo municipio alaricano.  “Neste ano tan complicado Allariz segue mostrándose coma un destino forte e con moito que ofrecer”, manifestou a concelleira de Turismo de Allariz, María López. 

OCUPACIÓN DO 100%

Do mesmo xeito, os hoteis de Allariz despediron o 2021 cun alto nivel de ocupación, que acadou o 100 por 100 nas fins de semanas e festivos. A hostalería e comercio de Allariz constataron esta afluencia de visitantes, segundo puntualizaron dende o Consistorio. Para a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, “estes logros turísticos son froito indiscutible do bo traballo dos profesionais do sector comercial e hostaleiro e do esforzo conxunto que estamos realizando na oferta cultural e de promoción turística”.

Te puede interesar