OS MAIOS

Pouco musgo, pero moita ilusión

<p></p>
photo_camera En plena tarefa de forrar o carro antes de cubrilo con musgo a colocarlle os adornos.

Rapaces e profesores do Colexio Padre Feijóo de Allariz afánanse nestes días para construir os seus maios. Mañá venres, polo mediodía, teñen a súa cita coa tradición, na Festa que se celebrará no Campo da Barreira.

Os corredores do Colexio Padre Feijóo de Allariz cheiran a musgo, humidade e a flores silvestres. Os espazos mais amplos están ocupados por estruturas de madeira, a medio cubrir de musgo, que conformarán as construccións que profesores e alumnos apresúranse a ter a punto para a Festa dos Maios. Mañá venres teñen que estar rematados, pois o Campo da Barreira da vila acollerá un ano máis, a partir das 12,15 horas, esta celebración, unha tradición arraigada na comunidade escolar alaricana e que protagonizan o CEIP Padre Feijóo e o Instituto.

O director do centro, Javier Fernández; a xefa de estudos, Susana Lafuente, e o secretario do centro, Quique García, apuran co resto do profesorado todos os momentos posibles para que os rapaces de todos os niveis de Primaria traballen para que as composicións estean listas para mañá. Será o remate dun proceso que xa comezou días atrás, cando se lle pedíu aos rapaces que trouxeran os materiais necesarios para elaborar o maio, todos eles naturais do monte: musgo, xestas en flor, bugallos e flores silvestres, fundamentalmente. Segundo sinala Javier Fernández, "este vai a ser un ano un tanto especial, pois hai moi pouco musgo, a causa da sequía, pero apañarémonos con outras cousas".

A regra dos materiais naturais non reza para os máis cativos, os nenos de Infantil, que tamén levarán o seu maio artístico, de madeira, papel decorado e flores.

As estrutruras de madeira que dan soporte ao maio foron encargadas a un carpinteiro. Xa se atopan no centro e profesores e alumnos as van forrando con tea de saco, na que cosen despois o musgo, que adornarán coas xestas que xa están a florecer nos montes da vila, as flores silvestres e os bugallos dos carballos.

O Padre Feijóo participará na Festa con catro maios: un cruceiro, un carro e dúas pirámides. "Cada rapaz aporta algo e colaboran moito e con moita ilusión. Algún incluso trae da casa os bugallos dos carballos do monte inseridos con fío, formando os grandes rosarios que adornarán o maio", explica Susana Lafuente.

"Haique regar o musgo todos os días, para que se manteña, e o traballo máis difícil é o cosido con fío do musgo á tea do saco", explica Quique García.

Paralelamente, os rapaces están a elaborar as coplas, que cantarán e venderán na festa. "Eles propoñen os temas, que son moi variados, desde o colexio, á vila, o boi, os profesores, cousas da rúa, e calquer idea que se lles ocurra, os profesores elixen os máis axeitados e despois os rapaces compoñen os textos", explica Susana Lafuente. Mañá haberá premios, para os mellores maios e as mellores coplas, nunha mañá de festa, música e diversión.

Logo, tamén por tradición, os maios quedarán expostos no patio do colexio, onde adoitan a estar polo menos unha semana, sempre que os gamberros o permitan, pois máis dun apareceu destrozado, algún acabou preto do río e ata alguén se chegou a levar un carro de madeira.

Te puede interesar