MACEDA

O PSOE de Maceda critica que a biblioteca peche neste verán

Os socialistas non entenden a postura do grupo de goberno do Partido Popular, que “pecha unha instalación pública nun momento de máxima afluencia dadas as vacacións de verán dos máis pequenos

O PSdeG-PSOE de Maceda volta a denunciar a que califican de "falta de capacidade" do goberno do Partido Popular na vila, que prosegue a realizar unha pésima xestión do Concello. Subliñan, ó respecto, que "se primeiro foi a falta de organización a hora de coordinar as diferentes concellerías, agora chégalle o turno a biblioteca pública, pechada dende hai fai máis dunha semana e sen motivo aparente para o peche, xa que non se están a realizar obras nin hai proxecto de reformas".

Os socialistas non entenden a postura do grupo de goberno do Partido Popular, que “pecha unha instalación pública nun momento de máxima afluencia dadas as vacacións de verán dos máis pequenos, ou mesmamente para que aqueles estudantes que están a preparar a algunha materia para os exames de setembro, poidan dispor dun lugar tranquilo para estudar”, sinala o voceiro socialista Xabier Oviedo. Dende o PSdeG-PSOE de Maceda se quere lembrar tamén ó equipo municipal  de goberno do PP que “a biblioteca serve tamén para que a xente que ven de fóra por vacacións, poida consultar internet ou dispor de libros para entreterse nesta época estival”.

Os integrantes do grupo socialista aseguran ser conscientes de que "este ataque a cultura só pode xerar problemas", e queren facer fincapé en que “non só cremos que a biblioteca debe continuar a súa actividade durante o verán, senón que incluso deberíanse organizar dende ésta, distintas actividades de promoción da lectura, tanto na biblioteca, como o aire libre, aproveitando a apertura das piscinas”. Para Xabier Oviedo, voceiro socialista na Corporación municipal, "as excusas do alcalde de Maceda de peche por vacacións de persoal son irrisorias”, xa que considera “que durante esta época deberíase contratar a outra xente que cubra as vacacións do persoal para que a instalación poida seguir funcionando”.

Dende o PSdeG macedán pensan que as instalacións públicas da  Biblioteca municipal non só deben permanecer abertas durante toda a tempada de verán, senón incluso promover  dende ésta a organización de diferentes actividades de promoción da lectura como puideran ser biblioteca ao aire libre nas piscinas, entre outras propostas encamiñadas ó fomento da cultura entre veciños e visitantes.

Te puede interesar