Allariz

Quilómetros de solidariedade en Allariz

Allariz

reportaxe

Quilómetros de solidariedade en Allariz

A directora do instituto alaricano, Silvia Gaspar, e a responsable da asociación Puzzle, Ángeles Rodríguez.
photo_cameraA directora do instituto alaricano, Silvia Gaspar, e a responsable da asociación Puzzle, Ángeles Rodríguez.

A primeira edición da carreira solidaria do IES de Allariz permitiu a entrega dun cheque por valor de 505,50 euros para a asociación Puzzle, que traballa con persoas con discapacidade do entorno alaricán

A I Carreira Solidaria do IES Allariz comezou cunha misión: recadar tanto diñeiro como fora posible. As instruccións estaban claras: cada neno debía buscar os seus propios patrocinadores -entre comerciantes e particulares da vila-, que se comprometesen a outorgarlle a cantidade de diñeiro acordada por cada volta que deran arredor dun circuíto de un kilómetro polas rúas do centro de Allariz. Por cada volta que deran, os participantes recibían unha tarxeta. Cada neno deu tantas voltas como foi capaz nun prazo de hora e media. Concluído ese tempo, pasou a recoller o seu "botín".En total, os mozos foron quen de sumar 505,50 euros que esta semana lle entregaron ós responsables da Asociación Puzzle, unha entidade alaricana que traballa con persoas con discapacidade. 

"Estamos moi agradecidos", decía Ángeles Rodríguez, asegurando que este diñeiro "vennos de perlas" para poder continuar as actividades programadas para o colectivo co que traballan ó longo do ano. "Estes días estamos cun curso de cestería e agora incorporaremos o diñeiro ós nosos fondos para poder desenvolver máis proxectos". 

Nesta particular recolleita participaron arredor de 250 alumnos do IES de Allariz. A idea xurdiu dende o equipo directivo do centro educativo coma un xogo co que fomentar o deporte e a solidariedade entre os alumnos. O experimento resultou un éxito porque "os rapaces implicáronse moito". Por iso, polos bos resultados acadados, "queremos repetir a carreira tódolos anos e que sexa o alumnado, en colaboración con nós, quen decida a que entidade queren axudar", explica o secretario do instituto, Xosé Rodríguez. Como aconteceu neste caso, no que a beneficiada foi a asociación local Puzzle, "intentaremos que sexan colectivos de Allariz ou da zona de Ourense que traballen a prol dalgunha causa".

Este éxito que permitirá prolongar a iniciativa no tempo foi posible gracias a que os pequenos participantes, todos eles alumnos de Secundaria, se implicaron totalmente na causa. Non só correron, senón que tamén "aprenderon que con pequenos esforzos de cada un, pódese facer moito". Tanto os corredores como os responsables de Puzzle están "encantados" co resultado desta proba. Segundo conta Xosé Rodríguez, "pode parecer que recadaron un importe pequeno pero na asociación dixéronnos que a eles lles ven moi ben". 

Agora, co precedente que sentan as primeiras veces, dende o IES de Allariz traballarán para perfeccionar unha iniciativa que superou altamente as súas expectativas. "Non pedimos colaboración porque non nos deu tempo máis que a de Redonet, que nos facilitou os dorsais e o Concello", que lles axudou na propia organización da carreira. Deste xeito, seguro que para o ano será máis e mellor.

Más en Allariz