Os recitáis poéticos da vila de Allariz animarán o verán

b75fb0e1-a00e-47a9-aece-381f6512c551 (2)
photo_camera Eva Sampedro, técnica de Promoción Económica e María López,edil da área.
Celebraranse os derradeiros domingos de xuño, xullo e agosto no Festival de Xardíns

Os recitais de poesía chegarán á vila alaricana e, concretamente, ao seu Festival Internacional de Xardíns para animar as mañás dos derradeiros domingos de cada mes -celebraranse ás 12,30 horas da mañá do último domingo de xuño, xullo e agosto-. A iniciativa está promovida polo Concello de Allariz e pretende, tal e como aseguraron dende o Consistorio, achegar á cidadanía este xénero literario “nun marco incomparable como é o recinto do Festival e aproveitando que nesta edición o tema no que os xardíns están inspirados é a poesía”. 

O primeiro dos recitais chegará ao recinto do festival o vindeiro 27 de xuño da man de Chus Pato, nada en Ourense o 29 de agosto de 1955. A ourensá Chus Pato é “unha das voces máis coñecidas e recoñecidas da poesía galega, dentro e fóra do país”, afirman dende o Concello de Allariz. Dende 2016 é, ademais, académica numeraria da Real Academia Galega e súa poesía foi traducida a diversos idiomas, como o castelán, o catalán, o portugués, o inglés, o búlgaro ou o holandés.

Por outra banda, o 25 de xullo será a quenda de Iago González (Arnuíde, Vilar de Barrio, 1999)  e, por último, o 29 de agosto e para pechar os recitais alaricanos, Carlos Da Aira (Allariz, nado en Elgoibar, 1972) achegarase ata o festival para ofrecer o derradeiro recital poético deste programa. 

Tal e como puntualizaron dende o Concello, a entrada para asistir os recitais será de balde e as prazas iranse completando ata cubrir o aforo permitido, que estará acoutado dentro do recinto habilitado para o propio Festival Internacional de Xardíns, un evento que acaba de chegar á súa XI edición e que abriu as súas portas ao público, logo dun parón pola pandemia, o pasado 15 de maio.

Te puede interesar