O Rexo celebrará o fin da tempada de produción de leite cunha festa

O Rexo (allariz). 29/03/2023. Visita ao ecoespazo O Rexo en Allariz.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera O Ecoespazo do Rexo. Foto: Xesús Fariñas
A "Festa da Seca" contará con unha degustación de queixos, música, unha cea e unha queimada

O Rexo quere celebrar o fin da tempada de produción de leite, polo que deu forma á Festa do Rexo, que se vivirá o 29 de xullo a partir das 20,00 horas no Ecoespazo de O Rexo. Unha cita na que haberá degustación de queixos, música, cea do Ecoespazo e queimada. 

“Quixemos facer este evento para marcar o fin da tempada de produción de leite, o que faremos todos os anos no último fin de semana de xullo”, sinalan dende a organización. “Nas ovellas o período seco é o tempo de repouso transcorrido entre dúas lactacións, durante este intervalo os animais descansas dunha lactación e prepáranse para os partos e a seguinte lactación. No caso das ovellas de O Rexo, este período vai do 15 de xullo ata finais de xaneiro”, engaden sobre o proceso. 

Así, a “Festa da Seca” -así a bautizaron- comezará na tenda do Rexo cunha cata de queixos para pasar despois a unha visita guiada ao muíño e central hidroeléctrica de O Rexo. “Esta visita é unha oportunidade para coñecer a obra de Conde Valvis e os plans de futuro para o Ecoespazo”, puntualizan.

Tras isto, ás 21,00 horas comezará a foliada co grupo As Searas de Chantada dende a tenda de O Rexo, as que darán paso á cea de cordeiro no Ecoespazo. “O cordeiro farase á brasa e acompañarase con verduras da horta de Mima de Meire”, anotan dende a organización, os que tamén contan con animación musical e sobremesas de doces. O prezo da cea será de 19 euros por persoa, mentres que os cativos de ata 12 anos pagarán 12 euros.

A primeira edición da “Festa da Seca” culminará sobre ás 23,00 horas cunha queimada da seca con augardente do país dende a tenda deste espazo, acompañada co grupo musical As Searas de Chantada, as que farán bailar e cantar aos asistentes.

Te puede interesar