Transferida a estrada OU-0152 ao Concello de Allariz

O Concello de Allariz xa é titular da estrada OU-0152 -contorna do Colexio de Ensinanza Infantil e Primaria Padre Feijóo ata A Barreira- ao seu paso polo núcleo urbán. Así o autorizou por decreto previamente o Consello da Xunta.

A Deputación Provincial de Ourense propuxo a solicitude de cambio de titularidade do tramo urbano desta estrada provincial desde o punto quilométrico inicial 0+000 ao 1+100. Neste entorno a entidade provincial impulsou unha serie de obras de mellora e ampliación das beirarrúas para xerar itinerarios peonís continuos que garantan a seguridade e a mobilidade, especialmente, ao tratarse dunha zona de tránsito de escolares -as actuacións comezaron hai varios meses e aínda están por rematar-. 

O Concello de Allariz, pola súa banda, aceptou a transferencia proposta pola Deputación Provincial. 

A transferencia a prol do Concello de Allariz do tramo de 1,1 quilómetros de lonxitude, tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece, tal e como subliñan dende a Xunta de Galicia, a súa aprobación por decreto do organismo autonómico, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Competencia ao Concello

Co cambio de titularidade aprobado polo Consello da Xunta, o Concello alaricano asumirá a competencia para actuar neste treito, así como a responsabilidade da súa conservación e mantemento. 

O decreto, aprobado nos últimos días polo Executivo autonómico producirá efectos de xeito oficial desde o día seguinte ao que se produza a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Te puede interesar