Unha viaxe para ver a realidade nos campamentos dos saharauís

Tindouf, Alxeria.
photo_camera Tindouf, Alxeria.

Unha trintena de representantes de quince concellos galegos, entre eles o de Allariz, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz, visitaron esta semana os campamentos saharauís en Tindouf, en Alxeria. O obxectivo é coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde Galicia, así como visibilizar o apoio institucional das administracións locais á causa saharauí.

A misión política está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto a Dbelegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosouse aberto a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”.

Nas primeiras horas de estancia xa tiveron a oportunidade de visitar unha planta de reciclaxe de residuos ou as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Coñeceron asemade a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional, amais de reunirse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauíis e Persoas Desaparecidas e coa Unión de Mulleres Saharauis. Tamén houbo un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun, así como cos representantes ministeriais de Cooperación, Saúde ou Auga e Medio Ambiente.

Te puede interesar