ALLARIZ

Xovenes de cinco países europeos debatirán en Paciños sobre medio rural


Os participantes proceden de España, Grecia, Rumanía, Croacia e Portugal

A Fundación Ramón González Ferreiro organiza do 18 ao 25 de abril o intercambio internacional “Modern shepherds" (pastores modernos), un encontro localizado na Reserva da Biosfera Área de Allariz que reunirá a un total de 43 persoas de cinco países europeos (España, Portugal Grecia, Rumanía e Croacia) no marco do programa "Erasmus+" da Comisión Europea.

Durante oito días, mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos participarán un intercambio de ideas, culturas, experiencias e valores baixo una metodoloxía de educación non formal. "É unha fermosa experiencia nun entorno natural e rural, rodeados de xente de diferentes nacionalidades onde compartir e aportar o mellor de cada un", subliñan dende a fundación alaricana, que recoñecen que eses días o idioma oficial de Paciños será o inglés.

Mediante presentacións, obradoiros e visitas a diferentes espazos e iniciativas empresariais, como a Granxa-Queixería ou Centro de Educación Ambiental do Rexo e a cervecería artesanal de A Dama Alaricana, os mozos aprenderán e coñecerán diferentes proxectos e programas que lles permitan crecer e poder desenvolver a súa propia iniciativa no seu pais de orixe.

As instalacións de Paciños estanse a converter no epicentro cultural e formativo do municipio coa celebración de cursos e obradoiros formativos (inglés, alemán, poda) e mesmo de ocio (titieres, conta contos,...). Nesta innovadora acción a Fundación Ramón González Ferreiro colabora coa Asociación Cultural Sende, situada na Baixa Limia, dentro da estratexia "De Educación e Formación 2020 do Parlamento Europeo".

Para participar na iniciativa, aínda quedan prazas libres, polo que os responsables animan aos mozos ourensanos a poñerse en contacto coa fundación e anotarse no encontro antes do vindeiro luns día 23 de marzo, para o cal deberán presentar os seus datos e unha carta motivacional que exprese as razóns para participar no intercambio.

Te puede interesar