ALLARIZ

Zaida Rodríguez: "Somos a alternativa de esquerdas a 30 anos de goberno nacionalista"

A socialista Zaida Rodríguez.
photo_camera A socialista Zaida Rodríguez.

Zaida Rodríguez encabezará a candidatura do PSOE en Allariz nas próximas eleccións municipais

A allaricense Zaida Rodríguez Camba volverá encabezar a candidatura socialista para as próximas eleccións municipais, rodeada dun equipo renovado, pero onde teñen peso e cabida os socialistas veteranos do municipio. Ela será unha das tres mulleres (Cristina Cid, BNG, e Luz Doporto, PP, son as outras dúas) que, polo momento, deron un paso á fronte na carreira por facerse co bastón de mando. 

Como afronta esta segunda lexislatura ao fronte dos socialistas de Allariz?

Con moita ilusión. No 2015 entramos novamente na Corporación tras pasar catro anos sen representación e penso que agora estamos máis fortes. O partido socialista está a facer un bo traballo e queremos seguir recuperando a confianza da xente e mellorar os resultados electorais. O obxectivo do PSdeG de Allariz é ser a alternativa de esquerdas a 30 anos de goberno nacionalista.

Cal é a vosa proposta para o municipio?

Traballar nuns puntos básicos que pensamos que o Concello ten abandonados como son as políticas sociais. Temos unha oferta variada no eido cultural, artístico, paisaxístico e mesmo patrimonial, pero creo que este aspecto cojea. Queremos traballar para a implantación dunha taxa municipal a empresas instaladas no dominio público, axudas ao transporte e, unha das novidades que levaremos no programa e que adianto como primicia, será a creación dun centro de día. Aínda que o Concello dispón de instalacións para os maiores, creemos que non atende a unha necesidade concreta como a que ofertan estes espazos. Non debemos obviar que o municipio conta cunha poboación maior importante. 

E o rural?

Unha das principais fendas é precisamente esa, a existente entre a capitalidade e os pobos do rural. Hoxe a vila é un escaparate da provincia de Ourense, pero temos máis de 90 núcleos de poboación que non teñen os mesmos servizos. Por iso queremos organizar reunións cos veciños, escoitar as súas demandas e elaborar un plan de actuación.

Hai algún tempo que abristes unha canle de comunicación aproveitando as novas tecnoloxías. Como va?

A xente respondeu moi ben aos perfiles abertos nas diferentes redes sociais, mesmo ao número de whatsapp que puxemos en marcha. Penso que é unha boa ferramenta para que os veciños nos fagan chegar as súas inquedanzas, aínda que tamén o fan en persoa. A política ten que estar ao carón dos veciños e as redes nos permiten manter esa comunicación. As novas tecnoloxías nos serviron ademáis para dar a coñecer mellor o noso traballo no concello.

Tamén son obxecto de polémica, como a que se viviu fai uns días coa moción que presentastes referida ás visitas a Santa Clara.

Xerouse un debate cos sectores máis conservadores, pero nós creemos que a situación actual é unha tara, un anacronismo. A postura do PSOE é que ese diñeiro público que se investiu no Mosteiro ten que repercutir na cidadanía. Non pode ser que teñamos un dos claustros máis grandes e que estea de costas á cidadanía.  Nós non queremos interromper a vida monástica, pero propuxemos que se abra ao público como pasa noutros sitios. 

Que vos preocupa?

A débeda pública, que a día de hoxe ascende a 3,7 millóns de euros, é unha lousa que hipoteca o futuro do noso concello. A transparencia é outro tema no que queremos traballar e no cal o BNG cojea. A transparencia é un pilar básico da política, os cidadáns teñen que estar informados do que pasa no concello, dos plenos, das retribucións...

Te puede interesar