Tribuna

A vella Via Nova

Miliarios da Via Nova. Portela de Home (Lobios).
photo_camera Miliarios da Via Nova. Portela de Home (Lobios).

Falan máis as pedras do camino /do tempo que atrás levan deixado,/ ca do espazo, que sobra nas estrelas,/ onde si renden os feitos do pasado./ Se a vida é un vieiro e o Ceo unha eira,/ é mellor mirar á fronte, sin esquecerse desta beira,/ pois a Gloria será xente, espida xa, de toda pena/ e non terra e pedras pisadas,/ que quedan mortas cando morre  a nosa feira.

Temos que darlle a razón ó poeta, cando di que un camiño pode falar máis de tempo que de espazo, porque aínda que a súa labor principal sexa achegar lugares, o certo é que co transcurso dos séculos, en moitos casos, o seu mérito acabou residindo en falarnos de tempos que para nós son xa afastados. Eses tempos son persoas, mundos e historias, que poden caber baixo un nome. E, nese sentido, poucos nomes son tan universais como o de Roma. Precisamente, se algo caracterizou ó imperio remota e míticamente fundado por Eneas, fuxitivo de Troia, foi, entre outras cousas, ser un gran facedor de camiños. E eses camiños, en gran medida, foron rastros que nos permitiron reconstruír parte importante do noso pasado.

Segundo o famoso Itinerario de Antonino, probablemente redactado no século III, aínda que conservado nunha transcrición do século IV, foron catro as máis importantes calzadas romanas na antiga Gallaecia: a Via XVII, de Braga (Bracara Augusta) a Astorga (Asturica Augusta) a través de Chaves (Aquae Flaviae); a Via XVIII ou Via Nova, que tamén levaba de Braga a Astorga, por outro percorrido; a Via XIX, de Braga a Astorga, por Lugo (Lucus Augusti) e a Via XX ou Via per loca maritima que, a través da costa chegaba a Betanzos (Brigantium) e volvía baixar, despois, a Lugo. Debemos lembrar que Lugo, Braga e Astorga eran as tres principais cidades da antiga Gallaecia, capitais de senllos conventos xurídicos romanos, polo que estas calzadas, permítaseme a comparación, eran como as grandes autovías da antigüidade, neste territorio.

A Via Nova, iniciada por Vespasiano sobre o ano 79 e terminada polo seu fillo, Tito, en torno ó ano 80 ou 81, é, sen dúbida, a máis ourensá de todas as mencionadas. Aínda hoxe, podemos contemplar os seus vestixios atravesando a provincia, practicamente, en diagonal, ó longo de 215 millas romanas ou, o que é o mesmo, 326 kilómetros de hoxe, pois cada milla romana, equivale a 1.481 metros, do noso sistema métrico decimal. Ó longo deste percorrido, bordado de miliarios, que partía do que, andado o tempo, sería a gran capital do Reino suevo, Braga, excluíndo esa capital e Astorga, que serían dúas das tres caput viae da rede galaica, había 11 mansións viarias, que poderiamos considerar, abusando e esaxerando, como estacións de servizo da época, pero sufragadas polo Estado. Estas mansións, nas que se podía facer noite, estaban destinadas a oficiais e magnates, pero co tempo o seu uso se universalizaría e conviviría con outras modalidades, públicas, como a mutatio, para o descanso e a alimentación de persoas e animais, ou privadas, como as cauponae, que concentraban servizos, para un público socialmente moi variado.

A primeira mansio, Salaniana, estaba en terras do Bouro (Portugal), a 21 millas de Braga. A que encabeza a serie en territorio ourensán, a 18 millas da anterior, é a antigamente chamada Aquis Originis, nome debido, ó parecer, a un erro de interpretación. Vinculado ó nome desta mansio, hoxe renomeada Aquis Ocerensis ou Augas de Ocaera, sendo Ocaera un probable apelativo de divinidade acuática, posiblemente autóctona, adoptada por Roma, pode estar o do orónimo Xurés, que designa á serra que a alberga. Aínda hoxe, en Baños de Riocaldo, pódense ver os restos das termas romanas aludidos no topónimo actual e no romano Aquis, reconstruídos.

A continuación, a 14 millas, vén Aquis Querquennis ou Augas dos Querquernos, en Baños de Bande, cuxo segundo termo, según parece relacionado cun nome prelatino do carballo, aludiría tamén ó nome dunha tribo local e o primeiro, outra vez, a termas. Esta importante mansión viaria, unha das máis recuperadas do conxunto, como a tamén romana Ponte Pedriña, está mergullada no Encoro das Conchas e pode verse cando as súas augas descenden. Amurallada, mide unhas 3 hectáreas e ten, dende fai non demasiado, un centro de interpretación, á súa entrada. Dende ela partía un ramal que levaba a Lugo, cruzando pola antiga ponte romana da cidade das Burgas, pero o seu percorrido propio continuaba ata Geminas, a 16 millas, cuxo nome, aínda que a opinión non é unánime, podería aludir a dous montículos da zona, en torno ó actual Sandiás. Algúns falan de Aquas Geminas, que serían “Augas Dobres”, é dicir, baños dobres. A 18 millas desta estaría Aquis Salientibus, “Augas Saltantes” que, para moitos situaríanse en Baños de Molgas, aínda que non para todos. A Aquis Salientibus chegaría outro ramal, que dende Aquae Flaviae, alcanzaría Lugo a través de Dactonium, que se situaría en Monforte. Antes habería que pasar pola soada ponte fláviense de Trajano, co seu famoso Padrão dos Povos, onde figuran os pobos que patrocinaron a infraestrutura, algúns dos cales, como os bíbalos, os coelernos, os equaesios, os límicos, os quarquernos e os tamaganos, non sempre indubidablemente identificados, serían ourensáns.

É controvertida, tamén, a localización de Praesidium, a 18 millas de Aquis Salientibus, aínda que non parece desatinado considerar que sexa unha alusión ó pobo caldelán do Burgo. Un praesidium era un acuartelamento militar romano e un burgus, tamén en Roma, non deixaba de ser, igualmente, un lugar fortificado. Asímesmo, o topónimo do próximo Castro Caldelas, castro aparte, parece aludir ás eternas caldas, tan buscadas, como vemos, polo práctico imperio do Lacio. Debaixo da tardorrománica igrexa de San Pedro do Burgo semella haber indicios de elementos moito máis antigos.

Tras pasar a romana Ponte Navea, Nemetóbriga, ó parecer, de briga, fortaleza, e de nemeton, sacra, estaría a 13 millas, na contorna do actual Trives, aínda que tamén hai, como non! quen cuestiona iste dato. Outra vez, tras outra ponte netamente ronmana, no Bibei, con localización discutida, a mansio chamada Foro, podería estar na zona de Petín, a 19 millas da anterior. Tras a ponte medieval da Cigarrosa, de bases romanas, Gemestario, a 18 millas, podería corresponder a San Miguel de Oulego, en Rubiá, na “fronteira” con León, aínda que outros dan outras localizacións, como Robledo, xa na provincia de León. Seguidamente, na mesma provincia, restan Bergido, a 13 millas, e Interamnio Flavio, a 20 de Bergido, quedando, xa, só, 30 millas para chegar a Astorga.

É evidente que nesta descrición só fixemos un bosquexo de brocha gorda, sen baixar ós moitos miliarios, aras, lápidas e pontes que nos falan de Roma, para non durmir ó sufrido lector, nalgunha cuneta deste camiño. Pero o mencionado é suficiente para ver que a de Roma non foi unha cultura máis, senón, probablemente, unha das máis determinantes na conformación do que hoxe somos.

Por esta vía chegarían as leis e as tradicións do Imperio; por esta vía chegaría o cristianismo; por esta vía, reaproveitada no medievo, arribarían os suévos, os visigodos, os musulmáns ou os astures, froito de todos os cales somos nós, sen esquecernos do anterior. Probablemente, a nosa vía, da que sabemos que se chamaba Nova porque así o reflicten algúns dos miliarios que conservamos, recibise este calificativo por ser a máis recente de todas as que vimos. A pesar diso, os seus máis de 1.900 anos fan que pareza anella á nosa pequenez. Sexa como sexa, polo que foi, polo que é, polo que sabemos e polo que ignoramos dela, por tantas vidas que tecen as súas pedras, esta vella calzada nova, está, como adiviñamos nos versos, máis aló do espazo e do tempo porque, como Roma, forma parte da eternidade.

Te puede interesar