REPORTAJE

Bagoas fronte o lume ao pe do Xurés

incendio_randin_cronica_007_result
photo_camera Dúas veciñas do pobo de Rubiás, o venres cando o lume no monte se reavivou.

Os veciños de Rubiás dos Mixtos observaron con atención como un cambio de vento avivaba as lampas do incendio rexistrado o pasado mércores no Parque do Xurés achegando o lume máis do debido cara ás súas vivendas.
 

De que o azar é caprichoso non hai dúbida, pero hai veces nas que decide colocarte no lugar axeitado e no momento axeitado. O lugar foi a aldea de Rubiás, en Calvos de Randín, no Couto Mixto. O momento foi o pasado venres por volta das cinco e media da tarde.

Ía falar cos veciños sobre os lumes que os últimos días tiñan convertido parte daquel histórico emprazamento en brasas, pero a conversa logo colleu un ton diferente cando un negro fume comezou a asomar por riba dos tellados do barrio da Costa.

Nas pantallas dos teléfonos móbiles, 112 e 085: "¡Está ardendo en Rubiás!", dicían. Nerviosos, pero sen perder a calma, das casas foron saíndo mangueira en man para tratar de refrescar o máis posible os patios. "Con isto non facemos nada, pero bueno...", magoábase unha veciña, mentres outra, con lágrimas nos ollos, alertaba: "vainos chegar o lume ás casas". O vento non xoga a favor. As manguieras, os caldeiros, son só bagoas fronte ao lume.

Mentres os efectivos contra os incendios non chegaban, caldeiros e mangueiras semellaban as únicas ferramentas coas que facerlle fronte ás lampas.

O de que "isto pasa en pleno Parque do Xurés" foi un dos comentarios máis repetidos ó tempo que miraban con ollos de desesperación, pero sen deixar que o caos tomase o control. Un grupo de veciños apuntaron ó custo que supón apagar un incendio co despregue de avionetas e helicópteros. "Sería máis barato ter o monte limpo todo o ano".

Parte da zona ardida estes días, segundo comentaban, son montes comunais "dos que toda a vida pagamos a contribución e agora non podemos nin tocarlles porque son do parque". Todo isto mentres de fondo comezaba a escoitarse o ruído salvador de avionetas, helicópteros e camións motobomba.

Rubiás, como tantas e tantas aldeas galegas, ve multiplicada a súa poboación durante os meses de verán con veciños que retornan, sobre todo de Barcelona, e que se entristecían ó iniciar deste xeito as vacacións. "Isto foi chegar e bicar o santo", falaban entre dous que comparten terra adoptiva.

É tristemente habitual que os incendios no parque protagonicen, cando menos, un titular anual, pero pola zona do Couto Mixto, "a verdade é que levaba bastantes anos sen arder", tiña sufrido máis a zona máis próxima ó Lindoso portugués. Comentábano cun sentimento de agria ledicia que acababa de verse contaminado pola fumeira. A intencionalidade humana quedaba apuntada polos veciños como o factor que o pasado mércores desencadeou o lume que na tarde do venres se avivou.

"A ver quen dorme hoxe", lamentaba unha veciña coa desesperación que só pode exteriorizarse con bágoas, mentres os efectivos daban por controlada a situación.

Co paso dos minutos e vendo que o traballo das brigadas estaba dando resultado, os ánimos fóronse calmando, pero polo de agora, mirarán de reollo cara os arredores da aldea mentres o perigo do lume non se alonxe, tanto do concello de Calvos de Randín, como de todo o Parque do Xurés.

Te puede interesar