Ecos do pasado sobre as ruínas de Aceredo

Coma tódalas terras fronteirizas, a intrahistoria de Aceredo e do resto dos pobos asolagados, está chea de vida.
photo_camera Coma tódalas terras fronteirizas, a intrahistoria de Aceredo e do resto dos pobos asolagados, está chea de vida.
O xentío que nos dous últimos meses ten procesionado polas emerxentes ruínas de Aceredo, levoume a establecer un diálogo coa veciñanza de noutrora e unha sorte de Santa Compaña comezou a aflorar na aldea coma se as súas almas recobrasen vida

Era luns pola tardiña. A luz comezaba a devecer denantes da aparición polo solpor dun vermello lusco-fusco evocativo. Sobre o ambiente reinaba un silencio que me deixou camiñar entre os fantamas das ruínas pola mesma estrada sobre a que tres décadas antes fora quen de entrevistar a algúns veciños. Logo subín á área recreativa, sentei no banco que a preside e dende alí, cos tellados da aldea a ceo aberto, a hemeroteca permitiume testemuñar xentes, feitos e sucesos que habitaron Aceredo un día.

Ollei dende a distancia cara unha das antigas casas grandes da aldea cuxas bases de pedra se conservan case intactas e intuín o casal do "opulento capitalista" José Pérez González, quen polos veráns das dúas primeiras décadas do século XX adoitaba pasar uns días na compaña dos seus veciños. A imaxinación instaloume entón na madrugada do 16 de xaneiro de 1915, cando contraeron matrimonio "la señorita Rosa Bernardo Domìnguez y el propietario establecido en la vecina república, Manuel Estévez Bernardo" actuando como padriños "el banquero residente en Lisboa, José Pérez González y su señora Filomena Pérez, que hicieron el viaje en un magnífico automóvil de su propiedad".

Non moi lonxe daquel casal vin, tamén de madrugada, a actividade clandestina que tiña lugar na humilde choza de Cándida, aquela que, tamén polos anos vinte, escollera -xunto a un seu veciño de Lobeira, Eduardo-, outra forma de vida: a de estafar ós portugueses que desexaban viaxar ata Francia á procura de traballo, prometéndolles achegalos por tren dende Frieira ata a estación de Venta de Baños e despois de lles cobrar a onerosa cifra de "260.000 reis" por cabeza, abandonalos ó albedrío da vía, ata que a intervención do cónsul portugués deu cos osos de ámbolos dous na cadea.

Formas de vida consubstanciais coa fronteira, que se repetían de forma cíclica, unhas veces con éxito e outras con obrigado fracaso, coma a do "audaz" Fernando Oliveira Pérez, quen "llamándose somatenista y pistola en mano, salía a esperar a los súbditos portugueses que pretendían entrar en España en busca de trabajo".

Andamos xa por marzo de 1929 e a vista pérdeseme polos meandros do río, a carón da Madalena, onde Fernando Oliveira debía agardar ós portugueses e a punta de pistola e obrigábaos "a entrar de nuevo en Portugal si no le entregaban seis o siete pesetas y, una vez les cobraba la cantidad, les indicaba el camino que debían seguir para entrar en España".

Aínda semella que vai entrar pola porta da súa casoupa de ó pé do regato de Atornados, a Garda Civil para poñelo a recaudo do Xulgado de Bande, lugar que tamén visitou o portugués Manuel Dacunha, no seu caso por comerciar con pasaportes falsos que lles facilitaba ós seus compatriotas para que poideran circular libremente por España.

De súpeto, entre eses ecos do silencio vespertino, xorde cara min un cruce inusitado de berros femininos e alcanzo a ver a María Paz insultando á súa tía Pastora e a esta turrándolle dos cabelos á sobriña, ata que unha terceira intermediou na regueifa preguntándolles se non sabían o que significaba o seu apelido, na fría tarde de fin de ano de 1930.

Uns ecos que se afastan da anécdota e se tornan tráxicos cando reparo nun rosario de xente que camiña en procesión cara ós montes de Santa Eufemia, logo de que o veciño de Padrendo, Manuel Díaz, descubrira no fondo dun pozo o corpo inerte dunha moza de Aceredo que resultou ser o da desaparecida María González Díaz.

Remataba o mes de setembro de 1952 e todo o mundo pensou que a pobre Maria, de tan só 19 anos e en avanzado estado de xestación, se sucidara por mor "de un desengaño amoroso", tal e como recolleu a prensa no seu día.

Tiveron que pasar case dous anos para que a brigada de investigación criminal de Madrid lle devolvera a honra, descubrindo que todo fora cousa do seu mozo, o contrabandista José Paz Paz, porque ela seica quería acompañalo a Portugal "y como consideraba que la muchacha y la criatura constituían un gran estorbo para él, decidió eliminarlas".

Unha festa da árbore de hai cen anos, precursora logo dun conflito entre veciños

Evidentemente, non todo foron pelexas, contrabando, traxedias e conflitos cando, en vez das augas era a vida a que transcorría por riba destas veigas, agora afogadas entre dous mundos.

Para amosar un exemplo, póñome a ler este mesmo xornal, pero do 7 de abril de 1921 e atopo afaenado ó mestre José Pena convocando "a los exploradores de Entrimo, la música de Grou, los profesores de las escuelas del partido y representaciones de los pueblos más próximos" para levar a cabo "la última plantación en un largo trayecto de la carretera que bordea los fértiles márgenes del histórico Limia".


Das árbores plantadas só quedan raices afogadas e memoria seca ó pé do río.

Estamos na celebración de "la fiesta del árbol", exaltada polo mestre de Bande, José Taibo, que "pronunció un vibrante discurso, explicando a la numerosa concurrencia los conceptos de patria, naturaleza y arte que la fiesta significaba". Logo, "los niños cantaron el himno al árbol y la canción del soldado, entonando vivas a España, a Galicia y a Aceredo" antes de "dirigirse al campo donde estaba dispuesta la mesa del banquete con que fueron obsequiados".

Pola tarde, "frente a la casa del acaudalado propietario Fernando Oliveira", tivo lugar " una fiesta en la que fraternizaron nuestros paisanos con los portugueses que de los pueblos fronterios han venido a presenciar estos actos de amor a España, de cariño a Galicia y precursores de la futura riqueza que supone la plantación realizada por los niños de Aceredo".

Mal pensaban daquela, o mestre José Pena, a comisión organizadora e os veciños da bisbarra, que -primeiro os incendios e logo o inmenso muro do Lindoso, pechado a cal e anto o 8 de xaneiro de 1992- acabarían, non só coas plantacións daquela festa, senón con toda forma posible de vida, dando luz -nunca mellor dito- a outro tipo de conflictos coma o litixio xudicial que mantiveron os veciños de Quintela e de Buscalque cos comuneiros de Manín, O Bao, Compostela, Ludeiros e Aceredo pola propiedade duns terreos valorados por EDP en 3,6 millóns de euros e que acabaron rendendo case 6 millóns, cando o Tribunal Supremo fallou a favor dos primeiros, no mes de marzo de 2010.

Te puede interesar