A Educación Social analiza en Lobios os retos da profesión

A celebración do seminario internacional e do Xurés Son colgan o cartel de completo na hostalería

Uns douscentos educadores sociais do noroeste peninsular danse cita esta fin de semana en Lobios con motivo da segunda edición do Seminario Internacional e Convivencia Interuniversitaria da Educación Social, organizado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), en colaboración coas universidades. 

Un punto de encontro para que profesores, profesionais e universitarios reflexionen sobre a práctica da Educación Social que se está realizando na península e definir as estratexias e os novos retos para a profesión, sempre en constante investigación e adaptación, para dar resposta ás demandas da sociedade. “Buscabamos un espazo no que se puidese construír a profesión en contacto coa xente. Aquí é un luxo”, dixo Sonia González, presidenta do CEESG no acto de inauguración oficial no edificio multiusos de Lobios, no que participou a alcaldesa Mari Carmen Yáñez e a deputada Teresa Barge, destacando o carácter interxeracional e de convivencia do seminario, ademais do decano da Facultade de Educación e Traballo Social, Xosé Manuel Cid, e Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social, quen dixo que “sodes a ferramenta para acadar unha inclusión efectiva, real”.

Sobre os retos da Educación Social, a alma mater deste seminario, o lobiense Deibe Fernández-Simo, apuntou dous: “Axustar as estratexias de intervención en todo o que ten que ver co acompañamento coas familias e o sistema de protección. E, para a Educación, dar resposta aos miles de rapaces que están actualmente no sistema educativo e que, ao noso xuízo, requiren un acompañamento socioeducativo que actualmente non se lle está a dar”, dixo, reclamando unha atención especializada. “En Galicia temos 5.000 profesionais formados e non se lles está tendo en conta”, dixo en referencia á figura do coordinador de benestar.

Xurés Son

A celebración do seminario colgou o cartel de completo en aloxamentos e restaurantes, nun ambiente interxeracional e participativo. Se a semana pasada foi o Trial de Entrimo quen encheu a hostalería comarcal, nesta ocasión o epicentro virou ao redor da Educación Social e ao Xurés Son, o festival organizado por Eidos do Leboreiro no marco do seminario, pero que, tras o éxito da primeira edición, tomou xa o seu propio temón. “En futuras edicións, o reto será sumar outros concellos polo tema de espazo. A estimación do impacto económico que suporán estas actividades para a zona supera os 48.000 euros”, dixo Simo.

Centos de persoas citáronse onte á noite en Grou para gozar dun festival multicultural que incluíu música, gastronomía e etnografía, coa participación de máis de 80 máscaras dos Entroidos do Xurés. Un evento que estivo precedido polo acto de ingreso, como membro da Academia das Ciencias Sociais da Asociación de Amigos do Couto Mixto, de Américo Rodrigues, do Grupo de Estudos e Pesquisa Montes-Laboreiro.

Te puede interesar