Grou recupera o seu club

Os veciños de Grou, en Lobios, contan cun novo proxecto sociocultural e ecolóxico para recuperar o dinamismo que outrora tiveron nestes 24 pobos da montaña. Trátase de Grou Eco-Avanza, un espazo coworking, biblioteca e laboratorio de informática habilitado no antigo club “O noso agarimo”

Un obradoiro infantil en Pascua e unha nova formación en competencias dixitais para adultos son as primeiras actividades no “Grou Eco-avanza”, o novo proxecto veciñal de Grou, en Lobios, que prevé recuperar o espírito e dinamismo do antigo club “O noso agarimo”. “Somos un pobo grande -aínda conserva a mesa electoral ao ter máis de 200 habitantes- e unido, intentamos facer cousas e agora temos un espazo versátil ao servizo dos veciños. Queremos facer cursos, ofertar un lugar onde traballar e tamén un espazo para a nosa xuventude. Temos unha chavalada ampla, agora mesmo isto é moi importante para eles. Ter un sitio onde estar xuntos, coñecerse, porque iso  lles vai permitir botar raíces en Grou. Hai moitos pobos onde a xente nova non quere ir porque non ten amigos, queremos manter iso”, comenta Susana Fernández, presidenta da asociación de veciños que no mes de xaneiro inauguraba o novo club tras a reforma. 

A parroquia de Grou foi protagonista dun movemento cultural moi importante nos anos 70 e 80 do século pasado. Os veciños tiñan no club o seu lugar de reunión e ocio, onde dende os anos 30 se viñan facendo todo tipo de actividades. “Unhas mulleres de Requeixo que estaban en Barcelona se puxeron a facer obras de teatro, despois viño a cooperativa”, lembra Susana co asentimento de Marta Delgado, outra das dinamizadoras locais que lembra con ledicia aqueles obradoiros aos que acudía da man da súa nai. “As rapazas vivían na casa rectoral. Eu viña coa miña nai, sobre todo aos cursos de cociña, porque despois lambetábamos todo. Tamén fixemos os traxes de galega, ballet…”, lembra contenta da recuperación levada a cabo no inmoble.

Tal e como sucedeu no rural galego, a antiga palleira anexa a casa rectoral caeu no abandono por mor da emigración, reducindo a súa actividade a almacén e a albergar o bar o día das festas. “Nun calentón -lembra a presidenta- meses antes da pandemia, nos dixemos que non podiamos estar así, sen asociación de veciños, sen facer nada”. Coincidiu ademais que se quedaron sen local social porque se fixo un velorio no edificio que usaba para iso. Daquelas, Marta Delgado -veciña e dinamizadora local- xa estaba facendo rutas e obradoiros, e as mulleres leáronse a manta á cabeza para recuperar a asociación e  dinamizar a parroquia. “Partimos de cero. O obxectivo sempre foi recuperar o club que a xeración dos nosos pais nos transmitiron”, incide Fernández. 

Co visto bo da Diócese de Ourense, que cedeu o local co compromiso de restauralo, comezaron a aventura que supuxo a presentación de solicitudes de axudas públicas e a posterior rehabilitación, con fondos do GDR-10 e coa supervisión de Patrimonio ao estar ao carón da igrexa de máis de 300 anos.

“Eu son  enxeñeira e estou afeita a estas batallas, pero para unha asociación é moi complicado. Esixen facer anteproxecto, proxecto, orzamento, adiantar a inversión…. Eu pediría a administración, que ten tanto funcionario, que facilite esta labor ao tecido asociativo, sobre todo no rural e establecer liñas de axuda con fondos, non repartir miseria”, insta a presidenta, quen recoñecía que a piques estiveron de perder a subvención polas trabas de Patrimonio.

“Tivemos moitos problemas na tramitación con Patrimonio, porque metéronse en cuestións que non son cousas deles. Eu son defensora a  ultranza do patrimonio, de facer as cousas ben, pero non pode ser que prevaleza o criterio dun arquitecto”, dixo lembrando o condicionante que supuxo ter que hipotecar o 30% do espazo para incluír un baño, cando queren habilitar dous fóra.

Te puede interesar