Grou repetirá como epicentro cultural do outono no Xurés

Xurés Son Festival

A Asociación Eidos do Leboreiro vén de confirmar a celebración, o 30 de setembro, a segunda edición do festival Xurés Son que mesturará música, actividades culturais, gastronómicas e etnográficas na parroquia de Grou (Lobios). “Xa hai grupos organizados dende o País Vasco, Asturias, A Coruña, Santiago ou Oporto... Calcúlase que a hostalaría da Baixa Limia terá un impacto económico directo para esta fin de semana duns 48.000 euros”, estima a organización, que está a traballar intensamente nun incremento dos medios técnicos e tamén nunha estratexia de resposta ás principais demandas recollidas nas enquisas realizadas ás persoas que acudiron á edición do pasado ano.

A aposta do Xurés Son é pola calidade e a satisfacción do público que acuda ao evento. A intencionalidade é que as persoas asistentes se convertan en embaixadoras de futuras edicións e que promovan no seu círculo novas visitas á comarca. Outro obxectivo prioritario para a organización é conseguir a implicación da poboación local. “Consideramos que a programación cultural e lúdica desta edición supón unha oportunidade para desfrute da veciñanza da Baixa Limia”, engaden, convidando a todas as persoas e asociacións da comarca a que colaboren ou participen con este evento.

Este ano teñen confirmada a súa participación os grupos Fillas de Cassandra, The Teta’s Van ou A Banda de Garda e, a organización está a traballar en novas incorporacións, tendo previsto contar con varios Djs. 

Ademáis, ao longo do día haberá unha zona etnográfica pola que desfilarán as máscaras do entroido na comarca, actividades de promoción, dinamización e difusión da cultura ou de coñecemento do patrimonio natural das serras, un espazo gastronómico e actividades para os cativos.

Te puede interesar