ENTREVISTA

“Hai algo especial na luz da baixa limia"

miguel_2_result
photo_camera Mosquera, no Museo da Terrachá.

Miguel Mosquera vive e pinta en Santa Mariña do Monte e baixa pouco a Ourense. En Entrimo, até o próximo día 29, está aberta unha mostra da última obra do artista

Do Volter do Tucho ao Museo da Terrachá media unha vida enteira de artista con ducias de exposicións deste e doutro lado do Atlántico; unha evolución desde a "pintura social" a principios dos setenta aos collages neste século. Miguel Mosquera vive e pinta en Santa Mariña do Monte e baixa pouco a Ourense. En Entrimo, até o próximo día 29, está aberta unha mostra da última obra do artista na que, di, "queda patente a simplificación das cores e un concepto máis xeométrico".

Anda a experimentar novos materiais? 

Agora ando co tema dixital, o pvc e outras historias. Nas litografías ando con plásticos e papeis de cociña ou reciclaxe. Digamos que busco un gravado non tóxico. En parte porque sufrín alerxias dos ácidos nítricos e sulfúricos. 

Que importancia teñen os materiais fronte aos conceptos? 

Somos resultados do que comemos, do que lemos, do que ouvimos e vivimos. Iso métese no noso disco duro. Entón descobres un material, ou atópate... Os conceptos? Pois o mesmo: desde as novas que les no xornal até as sensacións da vida. Por exemplo, parte desta última obra é resultado directo de vir aquí, a Entrimo.

Que sucedeu? 

Pois cando me propuxeron facer esta exposición hai dous meses vin coñecelo sitio. O plan era seguir até Ponte da Barca... pero collín cara a Castro Leboreiro. Foi unha viaxe iniciática, unha alegría de descubrir unha nova paisaxe nun momento en que acababa de perder a un amigo. Todas esas imáxes e sensacións deron orixe a esta obra. 

A detonante foi a paisaxe? 

Foi a luz. Para min, Entrimo ten un elemento máxico. Hai algo especial na luz da Baixa Limia. Soa raro pero vindo desde Ourense, pasas dunha zona que sinto como de claroscuros a esa empatía coa luz de aquí. No sei que che diga, será algo de karma. Se llo conto a alguén de Entrimo non sei que pensará. 

Paga a pena saír do estudo? 

Claro. Xa pasou unha época. Penso que os artistas teñen que saír dos estudos e dos circuítos comerciais, os artistas xa saían e facían exposicións nas vilas. Aquilo acabou, pero nestes momentos en que a arte perdeu presenza hai que volver a saír a estrada.

Convide a alguén da comarca a visitar a exposición. 

A cultura é a base da nosa vida. Iniciativas como esta debían ser habituais. É bo para os cidadáns. Non hai outra forma de amar a arte que mirándoa. E para un artista é interesante vir aos pobos porque sempre aprendes algo. Hai que enfrontar á xente coa arte e aos artistas coa xente. Algo queda no miolo.

Te puede interesar