Tribuna

O Loreto ourensán

A igrexa de Compostela, antes de Aceredo e antes de Manín.
photo_camera A igrexa de Compostela, antes de Aceredo e antes de Manín.

É frecuente dicir que, na vida, todos temos un dobre. Algunhas linguas, como o alemán, crearon, mesmo, un termo para designar este fenómeno: doppelgänger ou dobre andante. Pero isto que parece extraordinario e que ocorre cas persoas é bastante frecuente e acontece, tamén, cos lugares, cas historias e cas cousas.

Conta a lenda que a orixe do famoso Santuario da Santa Casa da Virxe, en Loreto, Italia, está no traslado milagroso do fogar onde viviron Xosé, María e Xesús, en Nazaret, realizado por anxos. Pola gracieta dese imaxinario voo, a Virxe de Loreto pasaría a ser considerada patroa da aviación. Non podemos saber, exactamente, se unha casa é a outra. O que si sabemos é que, desbrozada a lenda, a morada conservada dentro da basílica italiana é unha vivenda palestina trasladada pola poderosa familia Angeli, gobernante de Epiro, na época das cruzadas. Puxérona, primeiro, en Croacia, despois en Ancona e, finalmente, no mencionado Loreto. Se se tomaron tantas molestias para tan aparatosa mudanza, algo de verdade cabe supoñer detrás da roupaxe da imaxinación.

Pero non temos que ir tan lonxe para escoitar historias parecidas e máis aínda, se as temos preto, sen necesidade de forzar o sentido común.

Compostela é un pobo da nosa provincia, situado no último tramo do río Limia en terras ourensás, na saia do monte de Santa Eufemia, tocando Portugal. Polo menos ata a segunda independencia do país veciño con respecto a España, en 1640, estivo preto de alí a famosa Sede dos Reis, un mítico monumento pétreo que facía as veces de fronteira visual para homes e gandos e que desapareceu, “misteriosamente”, como tantos marcos, de tantas leiras, de tantas pícaras historias veciñais e familiares, da Galicia profunda.

Ata preto dese lugar foi trasladada, con motivo da inauguración do encoro transfronteirizo de Lindoso, en 1992, a igrexa coñecida como de Aceredo, por estar situada, ata esas datas, no pobo do mesmo nome. Aceredo, de acer, ó parecer nome latino correspondente á Prunus lusitanica ou loureiro portugués; xunto con Buscalque, derivado, probablemente, do gótico burs kalk, ladeira caliza; A Reloeira, de etimoloxía incerta, quizais vencellada a apeiros e espazos relacionados co cultivo do liño (un relo é unha ferramenta para tascar o liño e unha eira, como é sabido, é un terreo chairo e próximo á vivenda, para distintos labores agrícolas); e O Bao, do latín vadum, é dicir, paso pouco profundo, alusivo ás pedras que, no verán, e á barca que, no inverno, permitían atravesar o Limia, a certa altura e que o que escribe estas letras aínda lembra, na súa nenez, eran os nomes dos catro pobos íntegramente asolagados polo encoro, dos que, practicamente, o único inmoble que queda en pé é esta igrexa.

Pero a ese lugar xa fora trasladado o templo, no ano 1769, dende o seu emprazamento orixinal, na próxima aldea de Manín, segundo nos conta don Manuel de la Llana, abade e cura propio de San Salvador de Manin e do seu anexo, San Miguel de Lobios, de cuxa edificación tamén foi responsable, cunha fachada e estructura non moi distante da desta igrexa, uns 15 anos antes.

É moi probable que a fábrica, inicialmente situada en Manin, nome de pobo que non en balde tamén ten unha etimoloxía aparentemente romana, Villa Mannini, tivese un precedente moi anterior, considerando que é habitual que a advocación de San Salvador sexa propia da última etapa altomedieval. E mostra disto son San Salvador de Entrimo e San Salvador de Torno, niste mesmo tramo do antigamente crido coma río Lethes ou do Esquecemento.

O labor antiiconoclasta do papa Gregorio III, contra León III o Isaurio, emperador de Bizancio, a partir do século VIII, tivo moito que ver ca difusión deste padroado nos séculos inmediatamente posteriores.

Vía Nova

Non esquezamos, tampouco, a próxima Via Nova ou Vía XVIII do itinerario de Marco Aurelio Severo Antonino, Caracalla, que unía Braccara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), para avalar a antiga poboación da contorna, xa, en tempos de Roma, non tendo que recorrer á suposta cidade romana de Obóbriga, de incontrastada existencia, da que nos fala Muñoz de la Cueva, nas súas Noticias históricas de la santa iglesia Cathedral de Orense, nin ó padroado da lexendaria Santa Eufemia, cuxo relato se debe, probablemente, ó episcopado de don Pedro Seguín (1157-1169), importante promotor da sé ourensá, natural da próxima Porqueira, desexoso de emular as afluencias de pelegríns a Santiago, como nos lembra o investigador José Ramón Hernández Figueiredo, nunha relativamente recente monografía.

Sexa como for o fermoso barco pétreo do que falamos, coa súa torre barroca sustentada por columnas, exercendo de “mástil”-fachada; a súa lanterna e os seus pináculos de bola, apuntando ó ceo, entre sinuosidades barrocas, facendo de velas; o seu adro, que cal cuberta de barco, mira ó encoro como querendo entrar nas súas augas, segue capeando o temporal, a través dos séculos, como vimos, en distintos portos e con distintos nomes.

Dende que o edificio repousou en Aceredo, a súa festa maior pasou a ser a do apóstolo Santiago, unha elegante imaxe pétrea do cal campa nun nicho do muro do adro que o abraza. Visto o visto, quizais non sexa casualidade que este fermoso galeón da arte, da fe e da historia, que nos fala de tantos séculos, despois de tanta viaxe, acabase arribando nun pobo que, casualmente ou non, chámase como a última pousada dos ósos do fillo máis vello de Zebedeo. Xa dixemos: Compostela.

Levamos un pouco abusando do maxín do sufrido lector falando desta igrexa coma se fose un navío de pedra. Non é máis razoable a lenda da pétrea barca de Santiago, que afondaría en Padrón, despois dun traxecto máis longo e imposible. Eu creo que isto é unha mostra de que aquelas datas medievais parécense máis ás nosas do que pensamos.

Nós vemos a televisión, que ten as canles que ten, e eles acudían á imaxinación, as canles da cal son a infinitude da fantasía, para transmitir as súas mensaxes. Cousa moi distinta era a fe desta xente, que se valía de relatos para chegar mellor, pero cuxa convicción era mil veces máis firme que a estabilidade da Sede dos Reis, que a realidade da pedra da incrible barca de Santiago e que a durabilidade do granito deste templo, que pasará coma outros, mentres que a súa razón de ser seguirá permanecendo, incólume, coma o primeiro día, por moito que as igrexas muden de nome, de arte ou de sitio.

Te puede interesar