Rebulir trae de novo a Ramirás as verbenas

Unha edición da “Noite de fiadeiro” antes da pandemia.
photo_camera Unha edición da “Noite de fiadeiro” antes da pandemia.

A praza de San Andrés de Vilavidal, en Ramirás, acollerá, o vindeiro 18 de xuño, a “Verbena do Rella”, a nova proposta do colectivo de Rebulir para sacar a bailar aos veciños do Val de Ramirás e a súa contorna, á vez que se pon en valor á figura de Manuel “O Rella”, un gaiteiro coñecido nas Terras de Celanova quen dinamizou  moitas festas e romarías da bisbarra. “É unha celebración que recolle a testemuña da “Noite de Fiadeiro”, que se tivo que pechar porque morreu de éxito. Tiñamos tantos grupos e participantes, que perdera a esencia do formato inicial”, lembra Alexandre Sotelino, coordinador do evento que busca unha dinámica diferente, “algo máis tranquilo e animado, sen tantos paróns sobre o escenario”

O programa de actividades será diverso, con obradoiros, xogos e animación polo día, sendo o prato forte a verbena de música folk e tradicional prevista para as 21,30 horas, nun recinto decorado para a ocasión con bombillas, banderíns e postos gastronómicos con  porco ao espeto, empanada, doces e viandas nos que poderán cear os asistentes. “Será unha verbena ao uso, como as de antes, onde a xente sentirase identificada. Contaremos con grupos de recoñecido prestixio como Carapaus, Tanto nos Ten, Candaira, Airiños de Caldelas e a Asociación Mestre Gacio”, subliñaban dende Rebulir, colectivo anfitrión que tamén animará a festa.

Investigación

O acto servirá para despedir o curso da escola de baile e música tradicional cun festival de escolas ás 20,00 horas no cal actuarán os alumnos de Rebulir e da asociación cultural Mestre Gacio de Lestedo (A Coruña), á vez que se lembra á figura do Rella, un  gaiteiro nado en Cartelle pero que viviú en Ramirás e que animou moitas festas e romarías da zona. 

“Esta homenaxe nos permitirá indagar máis na súa vida. Era unha persoa moi coñecida e apreciada polos veciños. Nada máis colgar a súa fotografía no facebook empezamos a recibir mensaxes da xente que o coñeceu e que nos contaba anécdotas”, desvelaba Sotelino, quen si confirmou da súa participación nalgún grupo, que non tivo descendencia e que faleceu nos anos 90 na súa casa de Almariz.

Te puede interesar