ENTREVISTA

Xaime Iglesias: “Os concellos veciños sacaremos o rural adiante se somos capaces de colaborar"

photo_camera Xaime Óscar Iglesias, alcalde de Baños de Molgas.

O alcalde de Baños de Molgas chegou á política municipal desde o mundo do asociacionismo. No ano 2003 formou parte da lista do BNG nas eleccións locais.

Xaime Iglesias chegou á política municipal desde o mundo do asociacionismo. No ano 2003 formou parte da lista do BNG nas eleccións locais. No 2006 entrou como concelleiro tras relevar a un compañeiro e en 2007, 2011 e 2015 encabezou a candidatura nacionalista. Nos comicios do pasado mes de maio, BNG, con  tres concelleiros, e PSOE, con dous, acababan coa maioría absoluta que o PP tivo durante décadas no Concello. Nacionalistas e socialistas estaban condeados a entenderse para enviar á oposición ó PP, que se quedaba con catro edís, pero desde o primeiro momento a relación foi moi tensa. 

O PSOE mantivo o suspense na súa investidura ata o último segundo e as relacións seguen igual de tensas.
Desde a noite electoral propuxemos unha cousa clara, que había que traballar conxuntamente para que o concello recuperara os anos perdidos. E para darlle resposta ó que saíu das urnas, a alcaldía tiña que ser para o BNG e a tenencia de alcaldía para o PSOE, sen supremacías, con portavocía conxunta e reparto de áreas e responsabilidades. Eles querían partir a alcaldía, 2,5 anos para o BNG e 1,5 para o PSOE. Cremos que eso só serviría para competir entre nós e non aceptamos. Aí empezou todo e agardaron ata o último segundo para apoiarme na investidura. Despois comezamos a negociar a entrada no goberno. Non quixeron entrar, pero pediron unha dedicación parcial na área de participación cidadá. Accedemos, pero de participación cidadá, absolutamente nada e a persoa que ten esa dedicación non cumpre as súas funcións. Non queren estar no goberno, pero forzan para estar.

O último desencontro foron os presupostos de 2016.
Quedaron sen aprobar porque decían que non houbo negociación, o cal non é certo. Tiveron os presupostos e todo o que pediron incluiuse neles, pero na última semana din que queren negociar outras cousas. Básicamente, querían sacar as partidas de maior contacto coa poboación para cambialas e xestionalas eles. Non chegamos a un acordo e votaron en contra.

Acúsano tamén de querer subirse o soldo que ten pola dedicación exclusiva na alcaldía.
Eso é mentira. No orzamento de 2015 había 26.000 euros para dedicación exclusiva do alcalde, que saía en 14 pagas anuais de 1.800 euros. Tivemos que partir eses cartos en dous: 1.117 euros, que é o que cobro eu, e outros 650 euros, que é o que cobra a compañeira do PSOE. Para que ela teña dedicación parcial eu detraigo do meu soldo 650 euros. Para 2016 eu propoñía aumentar ata 30.000 euros esa partida, para que teñamos uns soldos dignos: 1.500 para o alcalde e 650 para ela. Eles din en que eu quería aumentar o meu soldo, cando ía cobrar 1.500 euros, fronte ós 1.800 que cobraba o anterior alcalde. Déronlle a volta a todo e dixeron que o aumento era para min, cando en realidade era para eles.

Ve viable a xestión municipal nesta situación?
Hai unha cousa á que hai tempo que me fixen á idea. O Concello necesita, goberne quen o goberne, que a xestión sexa áxil e solucione os problemas dos veciños. Se esa persoa son eu, sereino ata 2019; se non son eu, ben por moción de censura ou polo que sexa, seguirei traballando ata ese momento polo Concello, Que hai outra opción mellor, pois que se poña. Non queremos sobrevivir como sexa no concello. So queremos facer as cousas doutro xeito, que é o que reclamamos desde a oposición.

Qué diferencia xestión municipal destes últimos cinco meses da que facía o anterior goberno?
Hai algo fundamental, que é que as cousas non quedan enriba da mesa. Hai cousas sen resolver que se están resolvendo, como o tema da auga, a xestión do abastecemento da depuración; o PXOM, que levaba parado desde 2012 e esperamos ter a aprobación inicial en xaneiro. E creo que ó final chegaremos a atopar o tempo necesario para facer cousas de progreso, e non centrarnos solo en intentar solucionar o que estaba parado. Hai moitos problemas herdados, como as fosas sépticas dos pobos, que hai que arranxalas xa; o tema do lixo, pois pagamos 170.000 euros ó ano, que é unha barbaridade para un concello de 1.600 habitantes. En resume, o cambio máis significativo é que se afrontan os problemas e se buscan solucións. 

Cales son as potencialidades de Baños de Molgas?
A máis grande que ten é o entorno. Un río que pasa polo medio do pobo e que outras vilas empezaron a facer o seu futuro mirando para el e en Molgas lévase de costas a el toda a vida, cando o río, coa súa auga fría e a súa auga quente, é unha arteria de futuro. O termalismo non pode ser un recurso que quede no entorno da empresa privada, ten que haber unhas sinerxias entre o privado e o público para Baños de Molgas sexa un referente turístico en termalismo. Despois temos un inmenso patrimonio inmaterial e material, que temos que ir recuperando pouco a pouco. Se somos capaces de crear un tecido empresarial asociado a iso e buscar dinámicas conxuntas con outros sectores, esa roda económica podería atraer xente e frear a despoboación.

Baños de Molgas tamén sufre una forte perda de poboacion.
O principal problema da despoboación son os anos perdidos e as políticas erradas que provocaron ese éxodo. A emigración das décadas dos 60-70 fixo o seu dano, pero o problema estivo despois, cando as administracións non foron  capaces de vertebrar o país entre o eixo atlántico  e a Galicia interior. Neste momento, a recuperación pasa por competir, no sentido positivo, tratar de xuntarnos en servizos cos concellos veciños, ter unha relación no rural máis aberta, de cooperación entre concellos, para dar solucións e que  a xente se veña ó rural

Soa eso a fusión de concellos?
A palabra non é fusión. A palabra é a boa relación entre concellos veciños, xestión conxunta de servizos, colaboración en temas de interese, posto que se comparten. Ten que haber unha competencia sana e se os concellos veciños somos capaces de colaborar, seremos capaces de sacar ó rural adiante. O que non pode ser é que todos queiramos todos os servizos, que todos queiramos ter, por exemplo,  piscinas e polideportivos,  cando ó final non temos poboación que os utilicen todo o ano.

Chega o inverno e o río volverá a inundar Molgas, é algo irremediable?
O río recupera o terreo que se lle roubou e eso non ten remedio, pero sí temos que ser capaces de habilitar solucións para a zona baixa de  Baños de Molgas. En certos puntos a sección do río achícase e desbórdase, cunha zona de inundación ampla. O que hai que buscar é que en vez de facer só labores de recuperación despois das riadas, traballar con antelación para minorar os desperfectaos que causan, porque aquelas sempre van existir. Temos que ser capaces de convivir coas inundacións, pero facer que causen o menor dano posible.

Te puede interesar