Adopción e acollemento familiar de menores

Somos tres familias acolledoras de tres irmáns, ós que coidamos gustosamente de forma altruísta, e sabendo que algún día se terían que ir do noso lado.
Conviviron con nos dous anos, aínda que as previsións eran para tres a seis meses, e durante ese tempo mantivemos contactos periódicos entre nós e coa familia biolóxica. Pero, finalmente, se nos comunicou que se irían en adopción. Algúns xa tiñamos a experiencia de outros acollementos, así que afrontamos a difícil tarefa de ilusionarnos e ilusionalos coa nova familia, e tiñamos moi claro que non interferíamos no proceso de adaptación, nin competiriamos polo seu cariño; porque, ante todo, queremos o mellor para os nenos que acollemos.

Desprezando o noso parecer, se nos negou a posibilidade de que o contacto coa familia adoptiva fose progresivo, decidindo a entrega dos pequenos no mesmo día da primeira e única cita, á que acudimos tódolos compoñentes das familias, incluídas as nosas fillas menores que querían despedir a quen foi tan importante nas súas vidas. Por causas que descoñecemos, xa que non se nos deu ningún tipo de explicación, tras un breve contacto entre as familias, invítannos a saír do local, para finalmente botarnos das súas proximidades con moi malos modos, obrigándonos a deixar as maletas dos pequenos ás portas... como si os abandonásemos. Sentímonos tratados de forma tremendamente inxusta e humillante.

Tras dous anos de coidados e de abrazos, tivemos que marchar sen un bico de despedida dos nenos. E por suposto, nin unha palabra de recoñecemento da nosa labor. Non esperabamos outra cousa (nin a necesitamos). O único que fixemos foi querer a eses nenos, non entendemos por que non é beneficioso para eles manter o contacto coas persoas coas que pasaron tanto tempo das súas cortas vidas. Pensamos que sería unha adaptación paulatina, e que inxusta é a medida que algúns técnicos chaman 'corte limpo', que considera o neno nacido no momento da adopción.

Se o período de acollemento debe desaparecer das lembranzas e da vida dos menores, se os nenos teñen a obriga de esquecernos, que sentido ten o programa de acollemento familiar? Esperemos que a nova Lei de Adopción e Acollemento Familiar, que está en trámite, regule adecuadamente estes procesos, para que existan protocolos máis humanos de traspaso dos menores ás familias, e non se dependa do proceder arbitrario de profesionais anquilosados. Desexaríamos que todos os responsables destas decisións sexan controlados e podan ser cuestionados cando corresponda.

Evitaríanse moitas lágrimas innecesarias dos menores que pretendemos protexer, e das persoas que os queren. Se achegarían moitas máis familias voluntarias ós programas de acollemento familiar, e non se frustrarían ás que xa estamos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director