UNHA BANDEIRA EN PARÍS

'Na lembranza de Gómez Ollero e Durán Durán, heroes ourensáns da Resistencia Francesa, fusilados polos nazis en 1943.'
Xa era hora, logo de 68 anos. Na homenaxe que a Presidencia Francesa rendiu a os libertadores de París da ocupación nazi, por primeira vez, dende que se enarbolara o 24 de agosto do 44, ondeóu a bandeira tricolor da II República Española. Era unha débeda do país galo pra aqueles soldados republicanos españoles, membros da IX Compañía do Reximento do Chad, pertencente á Divisón Motorizada do xeneral Leclerc. Os famosos 36 combatentes da chamada 'La Nueve'. Foron os primeiros en acadar as rúas parisinas. Aupados nuns autos orugas blindados (os half-track británicos), pintados cos nomes de importantes batallas da guerra civil española (Madrid, Jarama, Ebro, Teruel, Guernica, Belchite, Brunete, ata Don Quijote) e con bandeiras republicanas, foron aclamados pola poboación parisina. Logo viría un longo e miserento silenzo.

A débeda ainda non se reparóu. Cando falamos dos milleiros de republicanos mortos nos campos de concentración nas praias francesas, ou os entregados aos nazis pra seren levados a campos de exterminio, coma Manthausen. Por algo se empeza. A bandeira tricolor xa se ve máis aló dun recuncho do fermoso cemiterio de Pére-Lachaise, no leste de París. Niste camposanto ondea a debandita, permanentemente, ao pe dunha placa adicada 'A la memoria de todos los españoles muertos por la libertad 1939-1945'. Atópase en fronte do Muro dos Federados, onde outra placa rende homenaxe a aqueles comuneiros da Comuna de París, fusilados alí mesmo en 1871.

As autoridades galas ven na tricolor republicana un símbolo da liberdade; namentras, o noso Goberno ve nela un instrumento de violencia, cando se axita nun evento deportivo.

Te puede interesar
Más en Cartas al director