A fábrica de Barxacova acendeu as luces

No Simposio PS da crise do euro, alfa e mais omega dos pigs dos cortellos da periferia europea, que se celebra na Fábrica de Luz, no canón do Mao, os economistas de Braga, lixeiros de alforxas, comparten tribuna, mesa e mantel, coas meigas da bisbarra do Sil. Disque esta crise bancaria vén de ganchete cunha hiperplasia de ladrillo especulativo con metástase noutras industrias auxiliares. Certo.
Por outra banda, esta debacle parece cousa de bruxas para os gurús da enxeñería económica, que lles colleu de socato. Agora, na desbandada, especulan á procura de cartos frescos para ripalos a feixes, que cómpren máis que nunca para tapar os ocos dos fiascos dos promotores que ameazan con esborrallaren o que queda do negocio, que a ocasión a pintan calva.

Reunidos os especialistas da cousa no retiro de Barxacova, un doutor e mais unha meiga están na palestra á procura das saídas de socorro desta celada:

Doutor Lúcio Almeida: Antes de comer de galinha, há que comer de sardiña; é preciso começar agora outra vez do direito -comentou o profesor de Tras-os-Montes-.

A meiga de Requián: Polo poder do meigallo que me confire o pauto co demo, que se esfume a crise bancaria do presente e que retorne o pasado de centeo coa moeda do pataco que non se quente -conxurou-.

Axiña, o voceiro da UE radiou este parte: Acadados os obxectivos do franco Norte, a tropa ibérica, esgotada e famenta, vén en retirada ao presebe de antano: os cachelos con iscos, no país de Breogán; as gachas, na Castela; as sopas de tomate, no Alándalus, e mailas feijoadas e caldo verde en Portugal, o país do galo. Un mal fado para os lusos, celtas e mailos outros reinos ibéricos de máis acolá, fóra do euro.

Certo. Mais, no último intre de quedarmos a velas vir, amosou o galo de Barcelos debuxado no horizonte, con sona de milagreiro: seica cantara despois de asado para salvar a un pobre peregrino, achegándose onda nós, batendo as ás de baixo cara arriba, disipando axiña os grises nubeiros dun próximo retorno ao rego do pataco. O pesadelo da crise, que nos deixara tesos por falta de vías escape na longa noite de pedra, un bo día foise desbaratando coa luz dun novo amencer, peneirando os negros agoiros dun estancamento sine die: a desexada primavera, por fin!, abrollaba, renacendo da súa cinsa, cun quiquiriquí triunfante: disque o galo de Barcelos obrara outro milagre, desatando co seu pico o nó gordiano da crise financeira que nos afogaba.

Te puede interesar
Más en Cartas al director