Preguntas para despois dun concerto

A pregunta, cargada de sana envexa, que nos facemos despois do concerto dos Pequenos Cantores de Saint-Marc de Lyon é esta: ¿qué teñen os nenos e nenas franceses que non teñan os nosos? Para os que cremos que a música, e máis en concerto o canto, é unha función natural da especie humana, a pobreza coral infantil e xuvenil que ofrece a nosa cidade resulta incomprensible e alarmante.
¿Qué hai detrás do grupo que nos cantou e ’encantou’ durante hora e media? Moitas horas de traballo, unha infraestructura organizativa que favorece a participación no coro e, como non, unha consolidada tradición musical. Estamos pois a falar dos tres pes nos que se asenta a fermosa realidade que puidemos escoitar e ver: o sistema educativo, as institucións públicas e as familias. Só da conxunción destes tres elementos pode saír unha criatura como a coral infantil.

O noso chamamento iría, xa que logo, tamén nestas tres direccións: ós colexios e institutos, para que faciliten de verdade as actividades musicais e corais, cunha especial mención ó seu profesorado de música a fin de que apoien máis as súas didácticas na voz e na práctica do canto. Ás autoridades cul turais e educativas de tódolos niveis (consellerías, Deputación e Concello) para que invistan na formación musical de base da nosa infancia e xuventude e non tanto en espectáculos grandiosos. E, por fin, ás familias, para que reflexionen e aproveiten o visto e escoitado no Auditorio para descubrir o enorme potencial educativo e formativo que encerra a participación nun coro infantil.

Te puede interesar
Más en Cartas al director