¿Temos dereito a falar de todo?

Uns e outros, os políticos, fano cada día.
Estruturan as súas argumentacións no ámbito do que lles convén, sen pararse un instante a pensar do que están a falar. Día a día, levantaste, almorzas, merendas e ceas coas súas intervencións sobre... só o que lles interesa. Canto tempo necesitamos para decatarnos de que nos están a manipular? 'As palabras son de todos, ata que un demostra que é capaz de apropiarse delas' (recollido de 'La verdad sobre el caso Harry Quebert'). Nestes momentos, a palabra, tanto oral coma escrita, parece que é propiedade duns poucos. Os políticos utilízana ao seu antollo. Voto de menos as discrepancias.

Os cidadáns somos os que debemos dicir cara a onde queremos ir ou cara a onde deben levarnos. As opcións cada vez parece que se reducen máis. Debemos chamar a atención sobre o que nos están a facer. Cada día mínguanse máis os nosos dereitos e intereses, estamos a perder todo aquilo que conseguiramos.

Onde están os que nos defendían? Saiamos á rúa, temos dereito a falar de todo, pero sobre todo necesitamos que vexan que sabemos o que queremos. Escribamos ou berremos: Sanidade, educación, cultura, idiomas, pensións, estado do benestar, e despois digamos alto e claro que non queremos ladróns, conspiradores e, dende logo, que non queremos volver escoitar o de suborno, prevaricación, etcétera.

Plantémonos xa e aproveitemos os nosos votos para mandalos ao paro. Está claro que non nos representan.

Te puede interesar
Más en Cartas al director