entrevista - celanova

Antonio Puga: "O Concello debe fomentar a instalación de empresas, o que máis necesitamos é emprego"

antonio puga

Antonio Puga, número uno de Celanova Decide, foi elixido alcalde de Celanova despois de 28 anos de goberno do PP

Cos votos favorables de Celanova Decide, PSOE e BNG, Antonio Puga foi elixido alcalde de Celanova o pasado sábado, tras 28 anos de goberno do PP. 

Pasaron as eleccións, pasou o pleno de investidura e chegou o luns. Con que pensamento se levantou no seu primeiro día de alcalde?

Levanteime co pensamento de “E agora que?”, que creo que é o final da película "El candidato", da que me falaron e que teño ganas de ver. Coa sensación de que hai moitas dúbidas para a posta ao día, para empezar a traballar. Pero nada máis. Con ilusión, con moitas ganas e con dúbidas que sobre a marcha se van disipando pouquiño a pouco.

Ó mesmo tempo que as novas corporacións estades aterrando, os concellos non poden deixar de funcionar.

O Concello non pode parar. Ese está sendo o cabalo de batalla principal estes días. E creo que non parou en ningún segundo gracias loxicamente ós funcionarios. Non é peloteo, é a realidade. Gracias a eles, o Concello está prestando os seus servizos creo que con absoluta normalidade, con independencia de pequenas cousas. Estamos tomando contacto cada un dos membros da corporación, tamén o PSOE, da estructura para agora poder facer o reparto de competencias e que cada un se concentre un pouco máis nas súas.

A alcaldía é a súa primeira experiencia política. Cambioulle a perspectiva da casa consistorial nesta semana?

Quizais ó entrar un dase conta de que a administración é moi grande, coma unha bola con moitas engranaxes e interdependencias que dende fóra non se ven tanto. Dalgunha maneira eu sabía que a administración era así, pero non os detalles concretos. Visto desde fóra, un non se dá conta de todas esas dependencias e servizos que presta, vense como algo máis simple pero teñen os seus 'intrínguilis'.

Sen embargo, o edificio non lle é tan descoñecido. Xa exerceu aquí unha parte da súa profesión.

Estiven dous anos como xuíz no despacho que agora ocupa o secretario do Concello. En 1994 fíxose o traslado do xulgado ó edificio actual, onde estiven outros dous anos. 

Cales son agora as primeiras urxencias que presenta Celanova?

Se por agora nos referimos a un prazo de dous ou tres meses, hai que tomar conciencia disto, asentarnos e seguir co funcionamento do Concello para que a xente non o note na prestación de servizos. Estamos empezando a facer unha limpeza das rúas coas mangueiras para ter a vila un pouco máis limpa. Na medida das posibilidades que nos permitan as brigadas, procederemos á limpeza de todo o que se poida. Agora temos que atender as necesidades relacionadas coa apertura da piscina, actividades deportivas, contratación dos monitores... Nesta época do ano coinciden moitas cousas. Tocounos este momento, hai que asumilo, aceptalo e tratar de facelo o mellor posible.

Que tipo de políticas ten que liderar Celanova como capital comarcal?

Creo que de cooperación cos outros concellos. Pensamos na promoción turística a nivel comarcal, tamén coa Baixa Limia. Cremos que para atraer turismo, Celanova ten moito que ofrecer pero hai que aproveitar tamén o que teñen os outros concellos. Temos que mirar se se pode liderar noutros sectores. O parque empresarial está aquí en Celanova pero é para toda a comarca e, mentres na Baixa Limia non haxa algo similar, creo que deberíamos aproveitalo. Un dos maiores éxitos que podería ter o Concello é xestionar, dentro das súas competencias, a instalación de empresas, que non as pode crear o Concello de Celanova, pero si fomentar o necesario para que se interesen por vir. Poreime en contacto cos alcaldes da comarca e da Baixa Limia para trasladarlle que dentro dos seus ámbitos intenten captar a esa xente para asentala aquí.

A decisión do BNG de apoiar a investidura pero manterse na oposición deixa un goberno en minoría no que estarán obrigados a negociar cada medida.

A dialogar, dialogar e dialogar. Temos que dialogar con todos e creo que se nos autoexise máis a todos. Hai que presentar proxectos e intentar facer ver que son axeitados. Ademais do funcionamento do día a día do Concello, cando se presenten cousas que conleven decisións puramente políticas, hai que sentarse, poñelas enriba da mesa, contrastar ideas e buscar apoios. Neste caso, co BNG, pero intentarémolo tamén co PP. Así entendo a política.

Se este fora o seu único mandato, como lle gustaría ser lembrado?

Posmo moi difícil... Que traballei con honestidade polo beneficio de Celanova. Gustaríame que iso se traducira en medidas visibles, cousas que puideran estar iniciadas para que alguén as continuase en temas como o tecido empresarial, que non se fan da noite para a mañá, pero si que quedaran os mimbres postos. Que polo menos iso estea iniciado e que se me recorde como alguén que pelexou e loitou honestamente polo interese da vila.

E se só puidera facer unha cousa nos catro anos, cal sería?

Da man da xestión diaria, sería crear as condicións para lograr a creación de postos de traballo. Creo que é o que máis necesitamos.

Te puede interesar