TURISMO

Os autores do Rexurdimento darán o salto ao eido turístico

Veciños de Celanova na xornada de convivencia celebrada onte en Padrón co gallo do Día de Rosalía.
photo_camera Veciños de Celanova na xornada de convivencia celebrada onte en Padrón co gallo do Día de Rosalía.

As fundacións de Curros, Pondal e Rosalía proxectan un roteiro guiado para distribuír nas axencias

Os lazos literarios que unen a Celanova, Padrón e Ponteceso, berce dos tres máximos representantes do Rexurdimento galego, abarcarán tamén ao turismo e a economía local. Polo menos esa é a intención das fundacións Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal que van poñer en marcha un paquete turístico para coñecer Galicia a través dos grandes escritores galegos. "Hai literatura dabondo para facer algo atractivo, apoiado na historia e con reclamos case únicos como pode ser un concerto de órgano no coro alto da igrexa ou cruzar a fronteira polo Leboreiro", matizaba no caso celanovés, o secretario da fundación currosiana Antonio Piñeiro Feijóo.

A propia vila de San Rosendo foi testemuña, na xornada do sábado, do potencial turístico que ten a historia e a literatura coa visita de medio cento de portugueses no marco dun paquete organizado ao redor da formación da fronteira de España e Portugal, "que é a máis antiga de Europa e tendo en conta que Celanova foi un lugar que quixo conquistar o fundador de Portugal, Afonso Henriques. A parte da relación de Celanova con Dona Filipa de Lencaster, quen se casou co monarca Joan I e durmiu no Mosteiro cando chegou de Inglaterra camiño do Porto", relataba Piñeiro.

O rexedor local e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro Iglesias, recoñecía que levan anos traballando para lograr introducir á vila de San Rosendo na oferta das axencias de viaxe e é por iso que agradecía o paso dado desde Portugal, aínda que lembraba a boa acollida da oferta local nas viaxes do Imserso a través do programa Tren Balnearios da Deputación de Ourense ou o interese dun operador turístico que traballa nos portos do norte de España de organizar este mesmo ano visitas guiadas á localidade ourensanas para os cruceiristas que fan escala no porto de Vigo. "O turismo debe ser un motor para a nosa economía", subliñaba Ferro Iglesias.


Nas escolas ou na rede


A creación deste paquete turístico está baseado no propio "Roteiro do Rexurdimento", que chegou a contar coa súa versión online. Responsables da Xunta de Galicia son sabedores desta e outras accións nas que levan traballando máis dunha década as tres fundacións do Rexurdimento, como son os intercambios lúdico-culturais, o desenvolvemento dunha unidade didáctica conxunta dos tres autores ou un proxecto virtual que traerá á actualidade a figura de Curros, Pondal e Rosalía nunha iniciativa na que pretenden implicar aos mozos galegos na súa xestión e promoción.

As actividades de convivencia veciñal foron ata agora as máis numerosas. Precisamente onte, con motivo do Día de Rosalía que concentrou unha serie de actos en Santiago de Compostela e Padrón, produciuse un novo encontro entre os veciños dos tres concellos.

Mentres, na vila de San Rosendo, os establecementos de hostalería ofertaron á clientela dominical o "Caldo de gloria" elaborado seguindo a receita publicada no poema "Miña casiña, meu lareira" nunha iniciativa que se desenvolveu ao longo do fin de semana en distintas cidades galegas.

Te puede interesar