A Casa dos Poetas recibíu este curso a 2.500 escolares

Un total de 219 centros educativos de toda Galicia visitaron xa a vila

O curso escolar actual pechará cun total de 61 centros educativos de toda Galicia que visitaron a Casa dos Poetas de Celanova. En termos absolutos, o número de alumnos atendidos acada os 2.573 no ano lectivo 2016-2017. Estes datos son superiores ós rexistrados en anos anteriores, pois ata o de agora a media de colexios que visitaban a vila situábase en torno ós 50. 

Proba deste aumento son os 15 centros educativos que participaron neste programa de visitas por primeira vez no ano 2017. Segundo explican dende a Fundación Curros Enríquez, o incremento rexistrado está en sintonía co obxectivo marcado no inicio da oferta no ano 2006 de "tentar que tódolos centros galegos de Secundaria pasen pola casa nalgún momento". Na actualidade, os promotores da Casa están a piques de acadar o ecuador desta meta, pois dos 515 centros de ESO que figuran rexistrados na Consellería de Educación, por Celanova pasaron xa 219 cando menos nunha ocasión. 

Nestes 10 anos que transcorreron dende a apertura da Casa dos Poetas foron en total 590 os grupos que se achegaron á historia da vila a través do programa "Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio". Un dato que se corresponde con 22.898 estudantes galegos. Durante a súa estadía no municipio, os participantes visitan, ademais da propia Casa dos Poetas, o Mosteiro, Vilanova dos Infantes e Castromao, conformando un percorrido urbano a través da poesía. 

Moitos centros repiten

Dende a directiva da Casa dos Poetas entenden que un dos maiores éxitos do programa de visitas radica no feito de que moitos centros repitan ano tras ano. É por iso que dende hai un tempo tratan de amosar este agradecemento de xeito público obsequiando a aqueles que cumpren cinco e dez anos de visitas. O curso actual conclúe con 32 colexios que se achegaron a Celanova en máis de cinco ocasións e cinco que celebraron o décimo aniversario. 

Ademais de tentar chegar a máis centros educativos, a entidade cultural marca como reto o incremento da oferta destinada a grupos de Educación Primaria cunhas visitas teatralizadas polo Mosteiro. O seu futuro funcionamento ensaiarano durante os venres do verán con nenos da vila. 

Con todo, ó longo deste curso tamén se foron incorporando novidades na visita tradicional, como é a oportunidade de coñecer a cela onde se cre que estivo preso o poeta Celso Emilio Ferreiro, lugar que lle serviu de inspiración para escribir o seu poema Longa Noite de Pedra. 

Te puede interesar