Celanova premia á Academia Galega pola defensa da lingua

Jesús Vázquez, ao fondo, Roberto Varela, Mouriño e Baltar. (Foto: José Paz)
O Padroado da Fundación Curros Enríquez acordou onte conceder o Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’, na súa vixésimo quinta edición, á Real Academia Galega pola súa defensa do idioma ao longo de máis dun século.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez foi unánime, e cando se cumpren 25 edicións do premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’, acordou outorgarllo desta volta á Real Academia Galega, pola súa contribución á preservación da lingua ao longo dun século. Esta concesión quere ser un agradecemento histórico, por tantos anos de traballo encol do galego, e un xesto cómplice co idioma mesmo. Asemade, respóndese ao apoio outorgado pola RAG no 2008 aos actos de conmemoración do centenario da morte de Curros.

A reunión do Padroado tamén serviu para dar traslado aos conselleiros de Cultura, Roberto Varela, e Educación, Jesús Vázquez, ambos presentes, dalgun has propostas para desenvolver nos vindeiros meses. Entre elas sobresae a de crear a distinción de Vilas Literarias para aquelas localidades galegas cunha presenza permanente de escitores, no onte e no hoxe, e na que encaixarían poboacións como Celanova pero tamén Padrón, Rianxo ou Mondoñedo, entre outras posibles. A Fundación considera que esta iniciativa encaixaría nas intencións do Goberno autonómico de declarar o ano 2010 como Ano do Libro.

Os conselleiros comprometéronse a estudar esta e outras propostas, como a promoción turística e educativa do coñecido como Itinerario do Rexurdimento, arredor das figuras de Curros, Rosalía e Pondal, que no seu momento crearon a Fundación e o Consello da Cultura Galega.

A recuperación do cartafol de poesía, que innovaron no seu día José Velo e Celso Emilio Ferreiro, foi outra das iniciativas avaliadas.


Te puede interesar