formación audiovisual

O curso de verán de audiovisuais explora a internacionalización dos novos medios

Fernández, Puga, Torrado, Fernández e Casares.
photo_camera Fernández, Puga, Torrado, Fernández e Casares.

Traballos como a serie "Hierro", obra dunha productora galega para Movistar; Feedback, rodada integramente na Coruña ou "Trote", estreada recentemente en galego, son algunhas das produccións que a vindeira semana se analizarán na vila ó abeiro do curso de verán

O curso de extensión universitaria de medios audiovisuais de Celanova celebra este ano a súa 16 edición afondando na internacionalización do sector en Galicia. Así o expresou o director do certamen, Miguel Anxo Fernández, durante a presentación do programa formativo, que volverá a Celanova entre os días 9 e 12 deste mes. Traballos como a serie "Hierro", obra dunha productora galega para Movistar; Feedback, rodada integramente na Coruña ou "Trote", estreada recentemente en galego, son algunhas das produccións que a vindeira semana se analizarán na vila ó abeiro do curso de verán. 

Segundo sinalou o director do programa, o alumnado da edición deste ano poderá "acceder ós segredos destas produccións e contactar directamente con profesionais do sector". A este respecto, visitará Celanova boa parte dos equipos das diferentes produccións presentes na programación do curso. 

Na presentación, Fernández estivo acompañado polo alcalde de Celanova, Antonio Puga; a directora de Dinamización Cultural do Campus, Ana Torrado; o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández. Este último, referiuse ó curso de verán como o "foro audiovisual de referencia de Galicia, onde especialistas do sector analizan a creación audiovisual en tódalas súas variantes, soportes e formatos". 

Ademais do programa oficial, por décimo ano consecutivo desenvolverase o taller audiovisual "Celanova, plató de ficción", dirixido por Paulino Pérez e destinado ó alumnado de Comunicación Audiovisual. Nesta ocasión realizarán unha webserie co título "Destapando a Casares", na que participan 16 alumnos e sete actores rodada nas últimas semanas no Campus de Ourense. A matrícula do curso de medios audiovisuais permanecerá aberta ata o martes, día 9, na páxina web da Universidade de Vigo.

Te puede interesar