ocio

Os escolares saen a coñecer os secretos de fontes e lavadoiros

20170616201113423_result
photo_camera Os alumnos de Educación Infantil do Sagrado Corazón durante a visita a un dos lavadoiros da vila.

O Colexio Sagrado Corazón amosou aos cativos a historia e importancia que ten a auga na vida cotiá

Houbo un tempo no que os fogares non contaban con auga corrente. Deste xeito, eran as fontes e lavadeiros os escenarios encargados de desenvolvers as funcións que hoxe realiza este líquido elemento na nosa vida cotiá. Isto non constitúe ningún segredo para ninguén pero para aqueles nacidos xa no novo século non é algo tan evidente. Un exemplo disto son os alumnos de Educación Infantil do Colexio Sagrado Corazón de Celanova. 

Nas últimas semanas, o profesorado incorporou no programa lectivo a importancia da auga para a vida en xeral, explicándolles ós pequenos que antes de ter grifos nas casas había que trasladarse ás fontes a coller a auga, tanto para beber como para lavar a roupa. O obxectivo da iniciativa consiste en que os nenos, nacidos a partir de 2010, entendan o procedemento dos seus antergos. 

Con esta premisa, o ciclo de Educación Infantil visitou catro das fontes, pilóns e lavadeiros de Celanova. Unha destas construccións forma parte do itinerario que cada mañá percorren para ir ó centro educativo e, mesmo así, a maioría dos cativos nunca repararan na súa existencia, segundo contan dende o profesorado. Con todo, os alumnos xa saíron á excursión preparados porque parte do proxecto consistíu en que coloreasen uns debuxos das fontes da vila elaborados polos seus compañeiros de Educación Secundaria. 

Durante a andaina, unha das cousas que máis chamou a atención dos pequenos foi a pouca cantidade de auga que saía polos canos. "Choveu moi pouquiño e, se non chove, non cae auga das nubes e as fontes non botan", contábanlle as mestras responsables do ciclo. Por iso, animáronos a coidar este elemento, tratando de non malgastalo e utilizalo con responsabilidade. 

Pero non só do coidado da auga falaron. "Sabedes para que serven estes ferros?", preguntaban as docentes. Entre eles repetiuse un xesto da incertidume propia de quen sempre tivo auga cun simple movemento de man. "Para pousar as tinas e as botellas", explicaban obtendo un longo "Ah!" como resposta. "E estas pedras?". O xesto de dúbida repetiuse ata que comprenderon que antes das lavadoras, era aí onde os seus avós lavaban a roupa. E así foi como comprenderon que as fontes foron moito máis que decoración en Celanova.

Te puede interesar