O programa escolar encheu a vila de Celanova de rapaces

Derradeira visita do ano dos clubes de lectura dos IES Fernando Esquío de Neda e Breamo de Pontedeume.
photo_camera Derradeira visita do ano dos clubes de lectura dos IES Fernando Esquío de Neda e Breamo de Pontedeume.
A Casa dos Poetas atendeu a 3.200 alumnos esta primavera, superando nun 62% a media 

A Fundación Curros Enríquez de Celanova pechaba esta semana o programa escolar 2022/2023 con un éxito de participantes, superando a cifra dos 3.200 alumnos de 68 centros escolares galegos, lonxe dos 2.000 escolares que de media visitaban a vila de San Rosendo nas últimas primaveras (un 62% máis).  Ademáis “foi o ano de maior participación no programa, é dicir, que 2.960 realizaron polo menos tres visitas ou actividades en Celanova o que implica unha media maior de tempo que dispoñen para gozar da vila e consumir no comercio local”, subliñaban desde a fundación, que ofrece  unha combinación de música e poesía que se mesturan no programa “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio” e o ciclo de concertos didácticos. “Ós 29 realizados este ano dentro do ciclo súmanse as 16 actividades de órgano a maiores para os centros que quedaron fóra, coas organistas colaboradoras con esta entidade”.

De novo a provincia de Pontevedra segue sobresaíndo no número de centros que visitan a vila. Os motivos, ademáis da oferta didáctica, é unha combinación de boas comunicacións, atracción pola paisaxe de interior e a numerosa cantidade de docentes procedentes desta provincia. Nas estatísticas deste curso, foron cinco os centros novos que participaron por primeira vez nas actividades e visitas da fundación. “Un dos motivos polos que recibimos novos centros foi pola visita destinada a profesorado galego organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) en xaneiro en torno a figura de Celso Emilio Ferreiro e que nos permitiu dar a coñecer o noso patrimonio, de especial atractivo polo seu compoñente didáctico, ademais de ter asentada unha coidada organización por parte da Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova”, engadían.

Dende a súa apertura no 2006, a Casa dos Poetas atendeu a 38.076  alumnos de 265 centros de ensino galegos. “Neste ano tivemos a ocasión de recibir a décima visita do Instituto Aquis Querquennis de Bande e do  IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia”, enfatizaban dende a fundación, que tamén atenderon a tres centros que visitaban a casa por quinta vez.  Esta reiteración na visita a Celanova, comentan os profesores, débese a que os recursos literarios, musicais e históricos presentes en Celanova serven como complemento á perfección da materia do curso, principalmente nos cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bachillerato.

Te puede interesar