Raigame, unha maneira única de celebrar o Día das Letras Galegas en Celanova

Vilanova reivindica o labor dos vellos canteiros na configuración de Galicia na súa Raigame

Vilanova dos Infantes, en Celanova, recuperou a esencia das antigas romarías con motivo dunha nova edición de Raigame. As pétreas prazas e rúas do burgo medieval enchéronse de veciños e peregrinos desexoso de participar nunha exaltación da cultura popular con gaiteiros e pandereteiras, danzantes, artistas e artesáns de diferentes gremios chegados dende toda Galicia e a veciña Portugal.  “É unha grande festa, moi bonita de ver e participar”, comentaba Nuno Liñares, vicepresidente da Cámara de Santo Tirso, municipio portugués irmandado con Celanova, e un fixo da romaría que rendeu homenaxe aos canteiros en xeral, e ao escultor Xosé Cid, en particular, coa entrega do premio honorífico  Adolfo Enríquez.

Ao pé do castelo, unha ducia de canteiros deron conta do seu oficio a veciños e curiosos, amosando algún dos seus segredos, incluído ese idioma propio dos “arghina” (canteiro na súa fala”) para os cales o alcalde de Celanova, Antonio Puga pediu que se lles podería adicar o Día das Letras na súa intervención. O acto institucional foi un máis dos preto de medio cento de actividades programadas ao pé da Torre da Homenaxe. “Es sorprendente ver esta cantidad de espectáculos en un pueblo tan pequeño, y tan volcado con la fiesta”, resaltou un grupo de turistas madrileños.

O pobo, onde a diario residen 125 persoas, foi conquistado por milleiros de persoas que tomaron o burgo medieval para desfrutar da oferta cultural e gastronómica, que sumaban os 107 propostas entre os postos ubicados ao longo da estrada de Celanova e nos baixos das vivendas cedidos pola veciñanza. “É unha ledicia ver o pobo cheo de xente”, comentaban varias residentes do burgo medieval, que recibiron con aplausos dende a súa porta o paso do grupo de música tradicional  dos concellos de Celanova, Trasmiras, A Veiga e Manzaneda. A música foi unha das protagonistas da xornada, como tamén o foi a gastronomía, ou o cine coa proxección de documentais sobre os canteiros, as exposicións, os monicreques, os contacontos, a maxia…

Unha edición na que os veciños se envorcaron máis se cabe coa festa, decorando o exterior das súas vivendas nun chamamento (con premio incluído) do Centro da Cultura Popular “Xaquín Lorenzo Fernández” da Deputación e o Concello de Celanova, coorganizadores de romaría.

Xosé Cid, galardoado co premio Adolfo Enríquez:  “Eu quero seguir aprendendo”

Raigame contou con diferentes propostas ao redor do oficio de canteiro, sendo a entrega do premio Adolfo Enríquez o acto central. “Teño xa 76 anos, pero a emoción sigue presente. Traía un discurso preparado, pero quixen falar co corazón”, dixo o homenaxeado, quen reivindicou o seu desexo de seguir aprendendo. “Este é un recoñecemento a un gran escultor, que antes foi un neno canteiro que aprendeu o oficio”, dixo Antonio Puga, quen estendeu este homenaxe a todos os canteiros que contribuíron a crear a Galicia que hoxe coñecemos. Pola súa parte, o deputado provincial Pablo Pérez loou a obra de Cid, artista moi vencellado ás terras de Celanova.

Te puede interesar