A recuperación da malla centra a programación de Sande, Cartelle

A Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande, no concello de Cartelle, mantén a súa actividade máis alá do Entroido e preparou unha serie de actividades para o verán, aproveitando ademáis o aumento da poboación co regreso dos emigrantes.

O cartel de actividades inclúe tres sesións de cine na rúa (días 22 de xullo, 5 e 19 de agosto) nos que os asistentes poderán desfrutar dunha película para tódolos públicos. A cativada tamén poderá participar da sesión de xogos de auga con diferentes probas na xornada do día 29 de xullo e, das manualidades e xogos de mesa, previstas para as tardes dos domingos 31 de xullo e 7 de agosto. Para dar fin ao verán, o día 2 de setembro a proposta será unha ruta nocturna por diferentes espazos de Sande.

A programación para todos os públicos continurá coa recuperación da malla. “Neste ano, dende a Asociación sementamos centeo e trigo co fin de recuperar esta tradición. Produtos que xa están listos para facer a sega este sábado, día 23. Unha vez segado, tocará poñelos a secar e, o día 6 de agosto facer a malla”, subliñaban dende a asociación, onde tamén elaboraron de xeito artesanal os manles cos que se realizaba a malla antiguamente. Nese desexo de recuperar tradicións, tamén mercaron un porco que será alimentado por tódolos veciños…  ata que chegue a matanza.

Te puede interesar