CON BASTÓN DE MANDO / ALCALDE DE VILAR DE SANTOS

Xan Jardón: "Somos un Concello saneado e solvente"

31.03.15.VILAR DE SANTOS,XAN JARDON ALCALDE.
photo_camera Andar e percorrer en bicicleta as rutas do concello son algunhas das afeccións de Xan Jardón.

O alcalde máis votado de Galicia nas eleccións do 2011, Xan Jardón Pedras, afronta con ilusión e compromiso cos seus veciños a que será a súa segunda cita coas urnas nas municipais.

O alcalde máis votado de Galicia -proporcionalmente, obtivo o 86% dos votos emitidos no seu Concello-  nas eleccións do 2011, Xan Jardón Pedras, afronta con ilusión e compromiso cos seus veciños a que será a súa segunda cita coas urnas nas municipais. Un proceso electoral ao que se presenta baixo as siglas de Compromiso por Galicia (CxG), tras causar baixa no BNG en 2012.

Cre que o cambio de siglas terá repercusión no electorado?

Non, eu creo que non. Os partidos políticos ao final son un instrumento e non un fin en si mesma. E o noso é un proxecto colectivo, o cal lle toca liderar a Xan Jardón e nada máis, porque somos un grupo de xente que traballa para o concello. Os veciños saben perfectamente cal é a nosa práctica diaria: unha xestión moi transparente, totalmente orientada a optimizar e utilizar eses poucos ou moitos recursos públicos, sen endebedarte. Os concellos son ferramentas para transformar e mellorar a vida dos veciños.

Qué balance fai destes anos?

Positivo. Nunha conxuntura moi complicada, moi complexa, na que todo o mundo se subiu a esta moda dos recortes, nós fomos capaces non só de non aplicar ningún tipo de recorte, senón que incrementamos os servizos públicos. E nese aspecto estou satisfeito. Somos un concello completamente saneado, con liquidez e solvencia.

Cales foron os proxectos máis importantes deste mandato?

Tivemos unha consolidación dos servizos públicos. Aumentou a atención de axuda no fogar, incrementamos as prazas do centro de día e abrimos a parte de vivenda comunitaria do centro. Tamén puxemos en marcha a escola infantil, que é unha fermosa realidade con 16 nenos.

Como son as relacións coas outras administracións?

Son relacións correctas, pero non teñen invertido aquí. Todos os proxectos e cuestións que levamos a cabo foron con recursos e méritos propios, porque houbo moi pouca cooperación e inversión por parte da Xunta de Galicia, a pesares de telo solicitado. Coa Deputación ten habido unha colaboración, que é a que se marca nos plans provinciais e algunha cuestión puntual máis, pero por parte da Xunta non. E nós temos o mesmo dereito que o resto de concellos.

Cales son as súas potencialidades?

O primeiro que destaco sempre son os veciños. Temos unha xente marabillosa, con gran capacidade de traballo e de emprender. A maiores, gústame subliñar que este proxecto colectivo, que  non é só do alcalde, se fixo cun sentido de planificación e priorización: dende os servizos sociais ata o polígono industrial. Neste último, impulsamos un plan de competitividade do solo, para tratar de amortizar eses 33.000 metros cadrados de terreo municipal que nos quedan e que tamén constitúen un investimento de futuro do Concello de  Vilar de Santos. Se foron creando as condicións e agora empezan a dar os seus froitos, pero teñen que ir a máis.

Preocúpalles a perda de poboación que están a sufrir?

Evidentemente. Toda esta cuestión de planificación, de priorizar inversións, de servizos,...  penso que freou a despoboación no concello. Pero creo que non é unha preocupación da administración competente, que é a Xunta. O medio rural está desatendido e creo que hai que establecer políticas públicas dende o Goberno galego para priorizar e tratar de optimizar os recursos e potencialidades do rural e investir decididamente.

En canto ó futuro, que proxectos lle gustaría levar a cabo?

Nós  falamos de liñas de desenvolvemento. Para nós é básico a planificación do desenvolvemento económico e do emprego, dende os novos servizos relacionados co polígono industrial, pero tamén fortalecendo o sector agroalimentario. Tampouco renunciamos a potenciar os servizos sociais comunitarios e de atención primaria. Outra vertente, na que nos centraremos nos vindeiros anos é  consolidar a área de rehabilitación integral. Para iso incluso estamos barallando a posibilidade de mercar algúns inmobles e alugalos a xente nova. Sen esquecer a aposta polo noso patrimonio etnográfico.

Te puede interesar