Auga Editora publica uns textos inéditos de Landeira Yrago sobre Cunqueiro

A editorial Auga Editora publicou uns textos inéditos do escritor e xornalista compostelán Xosé Landeira Yrago sobre a vida xornalística e literaria do seu amigo Álvaro Cunqueiro.

'Sobre as fugas de Cunqueiro. Outra vida de Álvaro entre o xornalismo e a literatura', como se titula o libro, revela nas súas páxinas o Cunqueiro 'máis humano, máis amigo dos seus amigos, máis creativo e máis inconformista'.

Renato Landeira, neto de Landeira Yrago e autor do prólogo e das anotacións do libro, explicoulle a EFE, nunhas declaracións previas á presentación da obra, esta tarde en Santiago, que el se limitou a levar a cabo 'un labor de rescate'.

Explicou que trece anos despois da morte do seu avó, en 1995, encontrou na súa biblioteca 'un taco de folios cunha cabeceira que dicía 'Sobre as fugas de Cunqueiro''.

Renato Landeira afirmou que o seu avó e Álvaro Cunqueiro mantiveron unha estreita relación de amizade durante varios anos tras coincidir ambos os dous no diario Faro de Vigo.

Nos textos inéditos descubertos Landeira Yrago facía mención aos 'libros que lía Cunqueiro e no que se inspiraba para crear o seu universo'.

A obra xornalística, 'pero tamén de pensamento profundo, de xuízos literarios e reflexión amena' sobre a vida e a obra de Cunqueiro, ofrece imaxes inéditas do autor mindoniense.

Nel nárranse tamén as peripecias de Álvaro Cunqueiro ao verse obrigado a exercer o traballo de xornalista como medio de vida, 'como un xeito de independencia para crear os seus propios universos ficticios, fóra das esixencias editoriais'.

Te puede interesar