A bolboretiña | Acento galego

bolbo

As linguas teñen distintas entoacións e distintas curvas melódicas. Así, a fala dun italiano ou dun arxentino se a representásemos nun gráfico, tería unhas curvas que subirían e baixarían moito máis cás dos habitantes da península. Creo que unha persoa domina bastante ben un idioma cando á parte da corrección de vocabulario, gramática e fonética, ten a axeitada entoación e curva melódica.

E en Galicia hai dúas curvas melódicas distintas. Unha a xeral, e outra a de Vigo e arredores. Se eu digo “E como te chamas?” empezo arriba e vou baixando, e un de Vigo ao revés, de abaixo arriba. En calquera caso, ambas curvas máis amplas que no castelán, por iso din os de fóra que os galegos “cantamos” ao falar. En fin, isto unido a termos sete vogais en vez de cinco, fai que nos resulten ridículas as imitacións do noso xeito de falar. En calquera caso, debemos ter ben claro que a nosa pronuncia dos fonemas, a curva melódica e a entoación, non é a do castelán. Na TVG están mellorando. E os de Mastercheff, pois que que se dediquen ao seu e non fagan o parvo.

Te puede interesar