A bolboretiña do día | Creto e o crédito discréto

undefined

Este é un caso bastante frecuente. Dunha palabra latina derivan dúas diferentes por formárense en dous momentos distintos. Así, da forma latina “creditum” -nacida do verbo “credere”, crer- temos dous substantivos diferentes pero moi relacionados. Entenderanme mellor cun exemplo. Unha persoa á que se lle pode crer o que di, é unha persoa de creto, e se non se pode "acreditar" na súa palabra, pois non. Así podemos dicir “É un barallán, o que di non merece creto ningún”, ou ben “Fíate da súa palabra; é un home de creto”. Creto é boa fama, boa consideración.

Por outra banda, “crédito” está máis ligado hoxe a cuestións bancarias ou académicas. “Pediu un crédito no banco e déronllo” ou “Fáltanlle seis créditos para acadar o grao”.

Aínda así, tamén se podería usar crédito co sentido de creto, “A empresa ten un bo creto/crédito gañado cos anos; se din que che fan a reforma en sete días, fano”. O contrario de crédito é, claro, descrédito. “Coas que leva feito, caeu no descrédito máis absoluto”. Ou sexa, non era persoa de creto. Seguro que nin lle daban un crédito. Non existe, como saben a palabra “descreto”, para o contrario de creto, pero si “discreto”, para o que é reservado e actúa con discreción... Como ven, todo que vén daquela raíz ten que ver con certa reserva na exposición pública. 

Te puede interesar