Bolboretiña do día: Segredo e secreto

descarg
Os substantivos tenden a gastarse máis ca os adxectivos porque son máis necesarios, máis importantes e usámolos máis. Así acontece coa palabra segredo. Seica vén dunha forma latina “secretus” que  era participio do verbo “secernere”, poñer á parte, ocultar. Esa forma latina gastouse moito e chegou, seguindo os fenómenos de evolución fonética propios do galego, a “segredo”. Así dicimos “Non sabe gardar un segredo” ou “O segredo de Fátima segue sendo un misterio”. Pola contra, se o usamos como adxectivo, botamos man dunha forma máis próxima ao latín, que se desgastou moito menos.  Así falamos “dun documento secreto”, “unha estancia secreta”. E a súa familia de palabras formámola sobre a raíz máis culta e vella, máis próxima ao latín, secret-; así falamos de secretarios, secretarías, etc. Xa saben, un bo secretario debe gardar sempre fielmente os documentos secretos aínda que conteñan segredos importantes.  Se vostedes din “segredario” ou “segredaría” é posible que beberán de máis e non lles dea a volta a lingua. Coídense.

Te puede interesar