A bolboretiña do día | Como lle chamamos á “calima"?

Estes días oímos moito a palabra “calima” nos medios de comunicación a propósito deste ceo Fanta de laranxa que, por sorte, nos deixou onte á tarde. Calima é palabra exclusiva do castelán. Naceu como “calina”  e viña dunha forma latina feminina de caligo-caliginis que seica falaba da néboa ou as tebras. De aí, por influxo de calma ou de bruma, a mediado do XIX pasou a calima. Tamén, por proximidade a ese  “calor” que ás veces a forma, en zonas do castelán chámanlle así ao bochorno. Ben. Con esta chegada de poeira sahariana a palabra calima parece que xa só cingue a esta acepción. En galego, na tele, usan a palabra “calixe” que sería esquivalente á portugesa “caligem” e que viría da mesma familia que a castelá, e que sería unha da moitas palabras que se refiren á visión difícil na natureza ao lado de néboa, neboeiro, brétema, bruma, etc. etc. Por certo que os portugueses, cando é moi lixeira, usan a palabra do castelán “neblina” á que a RAG, non lle dá entrada, aínda que tampouco á unha que se usa na escrita nos anos trinta que era “neboíña” e que a min, gústame. Pero o que máis me gusta é como lle chaman hoxe na prensa portuguesa: “Poeira africana” ou “poeira sahariana”, para que enredar cando está tan claro? Pois si, menos mal que xa marchou.

Te puede interesar