Centenario Nós | Un dobre ano para festexar Nós

O  traballo da Xeración Nós é clave para o desenvolvemento cultural de Galicia, marcou a actual identidade galega e o rumbo da nosa cultura. Hoxe, cómpre seguir recoñecendo e actualizando este legado para afrontar o futuro e contribuír ao ensanchamento das fronteiras culturais da Comunidade galega. 

- Neste sentido, tendo a cidade de Ourense como punto de partida e referencia e estendéndose a toda Galicia, a Xunta de Galicia impulsa diferentes actividades para conmemorar o centenario da Xeración Nós, unha efeméride que ademais se alongará ata o vindeiro ano 2021 co fin de paliar a paréntese obrigada polas restricións sanitarias que condicionan as programacións culturais. 

- Deste xeito, estase a colaborar con diferentes administracións, institucións e entidades como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Real Academia Galega de Ciencias, a Deputación de Ourense, as tres Universidades do SUG, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, Alexandre Bóveda, Blanco Amor, Curros Enríquez, a AELG, o Centro PEN Galicia, Gálix e os concellos de Ourense e Rianxo… Con eles, o Goberno galego ten en marcha unha diversa programación que inclúe desde exposicións a publicacións e homenaxes coa que pretende poñer en valor a memoria de intelectuais galeguistas como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido e Florentino López Cuevillas, entre outros, que formaron parte dun legado intelectual, artístico e literario de primeiro nivel que é fundamental para comprender a cultura contemporánea do país.  

- Ademais, a Xunta de Galicia impulsa varias publicacións entre as que se inclúe o libro Cuevillas e os seus contemporáneos, un espistolario enmarcado neste centenario no que se recolle a correspondencia de Florentino López Cuevillas entre os anos 1925 e 1958. É un volume que recompila a correspondencia que este integrante da Xeración Nós mantivo con diferentes persoeiros do mundo da cultura, da ciencia ou da política entre os que destacan figuras como Henri Breuil, Adolf Schulten, Pedro Boch Gimpera ou Castelao. Un total de 100 cartas, tanto emitidas como recibidas, con 70 interlocutores que forman parte de diferentes arquivos familiares, fundacións, museos e arquivos e nas que se pon de manifesto a personalidade dun traballador incansable que antepuxo o amor á terra e o desenvolvemento cultural e científico do país por enriba de calquera outra cousa. 

- O Goberno galego tamén está a por en marcha exposicións que homenaxean a traxectoria deste grupo de intelectuais. A máis ambiciosa é a mostra Galicia, de Nós a nós, na Cidade da Cultura. É un proxecto que se enmarca na celebración do Xacobeo 2021 que se poderá visitar tamén nas cidades de Ourense e Pontevedra. Esta é unha das iniciativas centrais da programación para conmemorar o centenario da Xeración Nós, pero están en marcha outras igual de interesantes que tamén permitirán amosar ante a sociedade a trascendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega. Así, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, a Administración autonómica tamén impulsa Mar de libros, ata o 6 de decembro no Museo do Pobo Galego. Trátase dunha mostra na que a artista Isabel Pintado realiza un traballo plástico arredor do libro combinado pintura e literatura. Un diálogo no que a Xeración Nós xoga un papel funamental e no que cada un dos exemplares intervidos convértense en pezas artísticas únicas. 

- Xunto a estas accións o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense tamén puxo en marcha a publicación Renovación arqueolóxica da Xeración Nós; se celebrarán diferentes homenaxes por toda a Comunidade para visibilizar o legado da Xeración Nós nas catro provincias e se impulsarán actividades de calado internacional que permitan proxector no exterior de Galicia e de España a importancia da Xeración Nós para a lingua, a literatura e as artes galegas. 

- E todo isto nun ano no que tamén se vén de coñecer o veredicto do premio Otero Pedrayo promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.  As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores, en recoñecemento ao seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós.

Te puede interesar