¡Buone visioni!

Comer cos ollos

A gastronomía e o sétimo arte están unidos dende a aparición do cinematógrafo. Unha das primeiras pezas presentadas ao público polos irmáns Lumière foi precisamente El desayuno del bebé (1985), no que aparece un deles comendo xunto coa súa muller e o seu fillo pequeno. Igualmente, pode considerarse a primeira película de cine doméstico da historia do cinema. A partir dese momento, slow ou fast, clásica ou fusión, a gastronomía segue a ser un dos ingredientes recorrentes na narrativa cinematográfica. O xantar pode ser o tema clave, a escusa que move a narración aínda cando no filme non aparece nin sequera unha miga de pan como no caso do filme O discreto encanto da burguesía (1972) de Luis Buñuel.

Esta relación volve a ser protagonista agora en El menú, un filme que bebe moito do espírito antiburgués do cineasta aragonés. É a segunda longametraxe de Mark Mylod – a primeira, Un golpe de suerte, remóntase a 2005. Pero estamos diante dun director cunha dilatada experiencia en series como Succession, Entourage, ou Shameless, obras que poñen en evidencia, sen reviravoltas, as malas costumes das clases altas e baixas. El menú segue as mesmas coordinadas.

Nesta nova longametraxe, uns comensais da alta sociedade e uns recoñecidos críticos culinarios reúnense nunha illa para degustar o menú do chef Slowik (Ralph Finnes), un xenio da gastronomía máis exclusiva. O que ao principio parece unha inocua comedia sobre os vicios e as extravangancias da alta cociña, convírtese nun pesadelo cando os comensais dánse de conta que forman parte do mesmo, un “menú definitivo” que acabará coa vida de todos...

El menú é unha película que evidencia, con altas doses de sarcasmo, todos os defectos e as esaxeracións da alta cociña molecular e deconstruída. Segundo o director, é un disfraz, unha dialéctica teatral e cada vez máis absurda no que o simple acto de comer acaba convertíndose en algo superfluo. Comer cos ollos é o que máis importa. O filme xoga abundantemente cos tics máis surreais da comida post-modernista, ata convertila nun discurso de loita de clase.

A pesar de estar gravado case enteiramente nunha mesma habitación, o guion regálanos sorpresas e non é doado aburrirse. O reparto artístico é solvente. Ralph Finnes recupera a mirada trastornada que luciu en Spider (2002) de David Conemberg, para regalarnos un chef psicópata, a medio camiño entre o líder dunha seita e o Hannibal Lecter. Anya Taylor-Joy, máis álxida que nunca, encarna o ingrediente, a sorpresa do menú, unha escort que intentará atopar unha vía de escape para saltarse a morte por chocolate.

Tamén hai que recoñecer que, nas súas case dúas horas de duración, as reflexións críticas movidas polo filme non están de todo repousadas, e quédanse na superficie do prato. El menú é unha película que quizais non pretende ser alta cociña, pero, sí, a da alma, e finalmente quédase nunha hamburguesa case gourmet. Un discreto produto de entretemento, máis dixerible para padais afeitos ao humor negro e ás pinceladas de gore. De gustibus.

Te puede interesar